Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

As persoas con discapacidade teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades, tanto de tipo físico como mental, porque adquiren hábitos de vida pouco saudables (dietas pouco equilibradas, sedentarismo, etc.), padecen enfermidades asociadas á discapacidade (epilepsia, problemas de mobilidade, etc.) ou teñen predisposición a algunhas enfermidades debido a alteracións xenéticas, no caso dalgúns síndromes. 

Por todo elo, faise necesario que poñamos en marcha accións de promoción da saúde, algo fundamental para lograr que as persoas con discapacidade intelectual podan mellorar a súa saúde e exercer un maior control sobre a mesma.

 

Usuarios do Servizo de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia, participaron o pasado venres na III edición da feira de emprego de Vigo "Empregalia" que contou con máis de 20 empresas e oenegués que ofertaban polo menos dous postos de traballo. O obxectivo do evento foi o de fomentar a contratación de traballadores.Os candidatos puideron  interaccionar cos empresarios para coñecer de primeira man a súa proposta e as condicións da mesma.

A xornada foi inaugurada por Patricia López, presidenta da asociación Abrandares en Igualdade de Vigo; polo presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga; polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, entre outras autoridades.

Entre os asistentes, atopábanse participantes do Programa de Mellora da Capacitación da Empregabilidade financiado pola Xunta de Galicia e do proxecto Poises.

En FADEMGA Plena inclusión Galicia entendemos a calidade como unha obriga que emana do dereito das persoas a recibir -tras ser escoitadas- apoios dignos e significativos para as súas vidas. Neste sentido, definimos a calidade Plena como o resultado da interacción de tres compoñentes esenciais: CALIDADE DE VIDA, calidade na XESTIÓN e ÉTICA, de xeito que ningún deles pode faltar ou ter desenvolvementos significativamente diferentes dos outros dous.

 

FADEMGA Plena inclusión Galicia está a organizar o II Foro de Irmáns e Cuñados de Persoas con Discapacidade intelectual. Un Foro aberto de participación onde os asistentes poderán facer aportacións e reflexións cos seus compañeiros para buscar diferentes líñas de acción.

O tema que protagonizará a xornada será a afectividade e a sexualidade das persoas con discapacidade intelectual. Os irmáns e cuñados desexan, o mesmo que os demais familiares, que as persoas con discapacidade intelectual poidan desenvolver a súa vida afectiva e sexual desde a confianza e sen medos. Por iso, é imprescindible darlles a oportunidade de aprender a canalizar os seus afectos e a súa sexualidade. Xa coñecemos experiencias con éxito que imos compartir. Todo elo abordarase a través deste Foro, que terá lugar o 1 de abril no Centro Sociocultural de Abanca (Praza de Cervantes) en Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ate o vindeiro 24 de marzo. Nos seguintes enlaces podedes acceder a tódala información e á inscrición da xornada: "II Foro de irmáns e cuñados de persoas con discapacidade intelectual"

Na súa mensaxe con motivo do Día Internacional da Muller 2017, ONU Mulleres afirma: “queremos construír un mundo do traballo distinto para as mulleres. A medida que crecen, as nenas deben ter a posibilidade de acceder a unha ampla variedade de carreiras, e debemos alentalas a realizar eleccións que as leven máis aló das opcións tradicionais…”

O colectivo de mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento vive unha situación de especial discriminación no ámbito laboral: só una de cada 10 atópase ocupada, sobre o 40% de homes (1). Esta situación é especialmente desalentadora entre aquelas mulleres con discapacidade intelectual que teñen grandes necesidades de apoio.

O próximo 8 de abril iniciaranse no Palacio de Congresos de Santiago os exames do primeiro proceso selectivo da historia da Xunta reservado exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual. Un total de 429 persoas participarán neste concurso-oposición, a través do cal a Xunta cubrirá seis prazas de ordenanza na Administración galega.

Para realizar este proceso selectivo, a Consellería de Facenda está a colaborar con representantes de FADEMGA Plena inclusión Galicia, co obxectivo de facilitar a entrada deste colectivo na Xunta. Como peculiaridade, para levar a cabo este proceso foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes.

Dende a Federación continuamos a impulsar apoios e recursos para as nosas entidades. A continuación, ofrecémosvos as 2 modalidades de apoio que podedes solicitar.

A Consellería de Política Social acaba de publicar por vez primeira a versión validada en lectura fácil da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, de xeito que este documento sexa accesible a todas as persoas con dificultades de comprensión lectora. A lectura fácil é un método de adaptación e redacción de textos para facer accesible a información e a cultura ás persoas con dificultades de comprensión lectora. Os documentos que contan con esta versión, están dotados dun logotipo de cor azul escuro creado no ano 1998 pola Asociación Europea de Persoas con Discapacidade Intelectual e as súas Familias (Inclusion Europe).

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia poñemos en marcha novamente o noso Servizo Xurídico, orientado a informar e aconsellar ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias naquelas dúbidas de carácter legal e xurídico que podan ter. Habitualmente trátanse temas como as tutelas, as herdanzas, o patrimonio protexido, o dereito ao voto etc.

A bolsa de auditores internos é unha base de datos onde figuran os contactos de auditores internos de entidades federadas. Inscribíndose nesta bolsa, os auditores poñense a disposición para auditar internamente outras entidades federadas ao tempo que solicitan ser auditados por alguén da bolsa. É dicir, consiste en cruzar auditorías fomentando o intercambio de coñecemento.

O acto terá lugar ás 11:00h fronte á sede do Tribunal Constitucional en Madrid (C / Domenico Scarlatti nº 6), no que se lerá un Manifesto polo dereito ao voto das persoas con discapacidade.

O pasado mes de decembro, tras o anuncio da Ministra Dolors Montserrat de que cambiaría a Lei Electoral para xeneralizar o voto entre as persoas con discapacidade, o Tribunal Constitucional anunciou que non admitía a trámite un recurso de amparo da Fiscalía Xeral do Estado que solicitaba a restitución do dereito ao voto dunha cidadá galega con discapacidade intelectual. Por iso, xunto a CERMI e Down España, Plena inclusión concentrarase fronte á sede do Tribunal Constitucional co fin de reivindicar o dereito ao voto de case 100.000 persoas que non poden exercelo por ter unha sentenza de modificación legal da súa capacidade, e doutras moitas que, podendo legalmente votar, non poden acceder á información e o proceso electoral en igualdade de condicións que o resto.

O Conselleiro de Política Social, D. Xosé Manuel Rey Varela, a Directora Xeral de Maiores e persoas con discapacidade, Dna. Fabiola García Martínez, e a Concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Dna. Noa Morais, fixeron entrega dos agasallos do 21 Certame de Tarxetas de Nadal que cada ano organiza Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de toda Galicia.

O Certame de Tarxetas de Nadal é unha das citas clásicas da asociación, e conta cunha gran aceptación entre tódalas entidades galegas que traballan en prol das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Durante a entrega, que tiña lugar no Auditorio de Galicia, o Conselleiro de Política Social destacou que “é unha honra e unha satisfacción poder contaxiarnos durante uns minutos do voso traballo, do voso esforzo, da vosa creatividade e do voso talento. Demostrades que o proxecto de Special Olympics Galicia está totalmente consolidado, e por elo, vai a seguir contando co apoio do goberno de Galicia.”

4 ourensáns con discapacidade intelectual, acaban de incorporarse aos seus novos postos de traballo como persoal laboral fixo na categoría de ordenanza na Administración xeral do Estado. 2 deles, farano nas localidades de Castellón e Tarragona, despois de superar o proceso selectivo, mentres que os outros dous xa se atopan traballando en Ourense.

Trátase de Gabriel Rodríguez Domínguez, que se incorporou ao Instituto Nacional da Seguridade Social Ourense; María Anxos García, que comezou a traballar no Servizo Público de Emprego Ourense; Laia Ou´Callaghan Domínguez, que traballará no Instituto Nacional da Seguridade Social Tarragona; e Noelia Eiriz Limia, no Servizo Provincial de Costas de Castellón. Hai unhas semanas, coñeciamos a adxudicación das prazas, recaendo a totalidade de postos ofertados en Galicia en alumnos do noso servizo de emprego.

Xa tedes dispoñible a documentación necesaria para solicitar o Programa de respiro familiar 2017 destinado a proporcionar medios facilitadores para que as familias de persoas con discapacidade intelectual podan afrontar o seu día a día, ofrecéndolles unhas xornadas de reposo e tranquilidade. 

Entre os beneficios que aporta este tipo de servizo, cabe destacar o feito de que facilita a permanencia no entorno familiar da persoa con discapacidade intelectual, evitando así a súa inclusión en programas de maior custe económico e social.

O proxecto de Emprego Personalizado de Plena inclusión é unha combinación de estratexias, servizos e apoios que teñen o obxectivo fundamental de xerar oportunidades de emprego e autoemprego, para que aquelas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen máis necesidades de apoio poidan acceder ao mercado laboral aberto.

Ao longo de 2016, dentro deste proxecto, seis federacións de Plena inclusión realizaron unha pilotaxe. No mes de setembro, Plena inclusión presentou este proxecto financiado por fondos Europeos (chamado POISES) e xestionado por Fundación ONCE. Durante este mes de xaneiro de 2017, Álvaro González, responsable de Proxectos de Emprego de Plena inclusión España, presentou e compartiu as aprendizaxes adquiridas da pilotaxe de 2016 do proxecto de Emprego Personalizado na nosa federación FADEMGA Plena inclusión Galicia, así como na federación de Ceuta.

Os días 12 e 13 de xaneiro, presentábase o proxecto a un equipo de 9 técnicos de emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia. No mesmo participarán 6 destes técnicos, ademáis de 20 persoas con máis necesidades de apoio (máis dun 65% en certificado). Utilizarán as prácticas de emprego personalizado que se han ir probando ao longo da pilotaxe.

As persoas implicadas indagarán no seu capital social, o uso da comunidade e autorrepresentación nas empresas.

Onte día 18 de Xaneiro tivo lugar na Subdelegación de Defensa en Pontevedra, a formalización do contrato para as dúas persoas con discapacidade intelectual que superaron a proba de concurso oposición, publicada no BOE o día 18 de decembro de 2015. As prazas convocadas no proceso selectivo son para cubrir con persoal laboral fixo da Administración Xeral do Estado coa categoría de Axudante de Xestión e Servizos Comúns.

Trátase de Ana María Galego Estremera e Óscar Otero Bada, que acudiron acompañados de representantes de FADEMGA Plena inclusión Galicia. Ambos os traballadores, vinculados desde a data ao Ministerio de Defensa desempeñasen os seus novos labores como Ordenanzas na Subdelegación de Defensa e a Escola Naval Militar respectivamente.

Como cada ano nestas datas, xa tedes á vosa disposición para descarga o calendario 2017 de FADEMGA Plena inclusión Galicia. 12 meses a través dos que facemos repaso do traballo conxunto de federación e entidades, e onde defendemos a nosa idea de proxecto común, vital para segir avanzando nos dereitos e na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.

Podedes descargalo aquí: CALENDARIO 2017: POR UN PROXECTO COMÚN

 

O Tribunal Constitucional rexeitou admitir a trámite o recurso de amparo duns pais galegos que solicitan que a súa filla con discapacidade intelectual poida exercer o seu dereito a voto. FADEMGA Plena inclusión insistirá nas súas reivindicacións para que se vexa garantida a participación destas persoas na vida política con accións como a campaña #MiVotoCuenta (www.mivotocuenta.es).

FADEMGA Plena inclusión considera que o feito de que Tribunal Constitucional non admita o recurso de amparo dunha familia que solicita o exercicio do voto da súa filla con discapacidade intelectual, vulnera, unha vez máis, a Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade. Na mesma, no seu artigo 12, sinala que os Estados partes deben recoñecer e protexer a capacidade xurídica das persoas con discapacidade “en igualdade de condicións coas demais en todos os aspectos da vida”.

Para iso é necesario que o Estado conte cunha asistencia adecuada a aquelas persoas que o precisen, como as persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de garantir na práctica o exercicio dos seus dereitos políticos, como indica o artigo 29 da citada Convención, asegurando que os procedementos, instalacións e materiais electorais sexan adecuados, accesibles e fáciles de entender e utilizar, incluso permitindo que unha persoa da súa elección préstelles asistencia para votar.

A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración coa Organización Nacional de Ciegos Españoles (ONCE), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Fademga Plena Inclusión Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para avanzar na elaboración dun Informe Extraordinario sobre accesibilidade.

En virtude do acordo, as catro entidades colaborarán coa institución do Valedor do Pobo coa realización de comprobacións sistematizadas sobre os niveis de accesibilidade no medio urbano e rural da comunidade. O informe abordará a accesibilidade desde un punto de vista moi amplo, de aí a necesidade de dispor de apoio técnico das entidades asinantes. A ONCE encargarase de realizar o estudo da accesibilidade que afecta de xeito singular ás persoas con discapacidade visual. FADEMGA, pola súa banda, efectuará comprobación sobre os problemas que neste ámbito afectan ás persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, recibiron o presidente de Fademga Plena Inclusión Galicia, Eladio Fernández.

Con el acudiron á cita o secretario da federación, Marcelo de la Cruz, así como o xerente da entidade Antonio Fuentetaja. O encontro serviu de presentación da nova directiva de FADEMGA, que lle expuxo ao alcalde e á concelleira os seus proxectos máis inmediatos.

 

Cofinanciado polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, este proxecto levarase a cabo nas 4 provincias ata o mes de marzo, en el participarán 52 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

A Facultade de Psicoloxía de Santiago, acolleu esta mañá o "10º Seminario sobre discapacidade intelectual e saúde mental", organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración do Grupo de Traballo de Trastornos Mentais e/ou alteracións de conduta.

Durante a inauguración, a vicepresidenta da Federación, Carmela González, destacou que "xornadas como esta son moi necesarias, pois as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento con grandes necesidades de apoio que presentan alteracións da saúde mental, contan cunhas características clínicas diferentes, o que dificulta o seu diagnóstico e tratamento e require un maior esforzo dos profesionais."

A web do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ven de publicar a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, e aos que se lles adxudican as prazas de persoal laboral fixo na categoría de Ordenanza (convocada de maneira específica para persoas con discapacidade intelectual) O Ministerio convocaba en decembro estes 70 postos na Administración do Estado, 6 deles en Galicia (2 en Ourense, 2 en Pontevedra 1 na Coruña e 1 en Lugo).

Hoxe, vimos de coñecer a adxudicación das prazas, recaendo a totalidade de postos ofertados en Galicia en alumnos do noso servizo de emprego. A maiores detas 6 prazas obtidas en Galicia, tamén se suman dúas máis, conseguidas por aspirantes formados por FADEMGA nas localidades de Tarragona e Castellón.

O conxunto de redes, entidades, servizos que ofrecen apoio a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento está, desde a súa creación, nun proceso permanente de reflexión - acción. Agora, estamos a asistir en gran parte do mundo a un momento de profunda reflexión e transformación, froito da experiencia anterior no traballo no noso ámbito, a investigación e actuais modelos de discapacidade intelectual, apoios e calidade de vida; e a esixencia que marcan os dereitos das persoas con discapacidade.

Agora necesitamos transformar as nosas organizacións e servizos, que foron creados mirando só a discapacidade, en organizacións e servizos orientados e centrados en cada persoa, na súa calidade de vida e os seus dereitos.

O proxecto de transformación dos servizos cara á calidade de vida consiste en alimentar e promover a vontade e a acción dos servizos de Plena inclusión que voluntariamente queiran iniciar un proceso de transformación, e ofrecerlles unha contorna de rede e de colaboración mutua, con apoio e acompañamento.

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia estamos a preparar unha nova xornada centrada na saúde e a discapacidade intelectual, que terá lugar o vindeiro sábado 17 de decembro na Facultade de Psicoloxía de Santiago. A xornada está organizada nesta ocasión polo "Grupo de traballo de saúde" impulsado por Plena inclusión España, no que participa FADEMGA Plena inclusión e a Asociación Juan María. A xornada tamén conta coa colaboración da Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela.

A finalidade deste encontro será sensibilizar sobre a situación sanitaria ás persoas con discapacidade intelectual, promovendo un foro de reflexión e debate sobre a saúde deste colectivo, ao tempo que informamos e formamos aos profesionais para a abordaxe da saúde das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Nos seguintes enlaces tedes dispoñible o cartel co Programa da actividade e a Inscrición na Xornada (que é de balde ate competar aforo)

Programa da xornada

Inscrición

O prazo para formalizar a inscrición rematará o 12 de decembro.

Deberedes mandar a vosa inscrición asinada e escaneada ao seguinte correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Profesionais de FADEMGA Plena inclusión Galicia, asisitiron durante dúas xornadas a un curso formativo sobre Lectura Fácil,co obxectivo de aprender a utilizar esta ferramenta que facilita a comprensión lectora das persoas con discapacidade intelectual,e así poder ofrecer o maior número de comunicacións posibles de xeito adaptado.

A Lectura Fácil é un método de adaptación e redacción de textos, que fai accesible a información e a cultura, un dereito das persoas con dificultades de comprensión lectora, que aparece recollido na Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU do ano 2006 e que nos axuda a mellorar a accesibilidade cognitiva do entorno das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

O curso foi impartido por Oscar García Muñoz, responsable de "DILOFACIL" un proxecto profesional especializado na creación e adaptación de textos.

GBDHFJGKJ,

 

Autoxestores de 14 entidades galegas da discapacidade intelectual (ACEESCA, AMBAR, AMIPA, ASPADISI, JUAN MARÍA, ASPANAEX, ASPAS, ASPNAIS, ASPRONAGA, CHAMORRO, FADEMGA, JUAN XXIII, PAI MENI e PRODEME) participan hoxe no seu encontro anual que nesta ocasión reúne no Hotel Congreso (Montouto) a máis de 130 persoas con discapacidade intelectual e persoas de apoio.

A inauguración tiña lugar ás 10:30 horas a cargo de Manolo Costa Carneiro, Asesor de Programas Educativos da Consellería de Educación, Noela Blanco Rodriguez, Portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, Eladio Fernández Pérez presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e de Concepción Fernández Fernández Concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela.

- Das 425 persoas admitidas, un total de 241 (un 56.71% do total) reciben formación e/ou apoios de FADEMGA Plena inclusión Galicia

- A Xunta reserva a este colectivo seis prazas de emprego público, e na Oferta de Emprego deste ano o Goberno galego aumentou a 33 o número de prazas

Un total de 425 persoas foron admitidas para participar nas primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas especificamente para persoas con discapacidade intelectual, tal como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). As listas son provisionais e inclúen os aspirantes admitidos no proceso selectivo convocado en marzo, e que inclúe seis prazas na categoría 003 –ordenanza e outras- do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta.

Estas listas tamén inclúen todas as persoas aspirantes que foron excluídas e a causa de exclusión. As persoas interesadas poden consultar as relacións de admitidos e excluídos no portal web funcionpublica.xunta.gal. A relación de excluídos pódese consultar tamén no Diario Oficial de Galicia. Desde o día seguinte á publicación no DOG da resolución pola que se aproban e se fan públicas as listas, as persoas interesadas dispoñen de dez días hábiles para presentar reclamacións.

En FADEMGA Plena inclusión Galicia continuamos traballando para garantir que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan desfrutar do máis alto nivel de saúde posible, por elo organizamos unha nova edición do Seminario sobre Discapacidade Intelectual e Saúde Mental; a cita terá lugar o venres, 25 de novembro, na Facultade de Psicoloxía (Mód. A, planta -1). Calle Xosé María Suárez Núñez, s/n. Campus Vida. Santiago de Compostela.

Volve a contar coa Declaración de Interese Sanitario por parte da Consellería de Sanidade.

Esta décima edición consistirá, como é habitual, en relatorios, mesas redondas e obradoiros (Ver programa). Está dirixido a técnicos e profesionais da administración pertencentes ao ámbito social, sanitario e educativo, profesionais do sector da discapacidade intelectual e do movemento asociativo, profesionais de outras organizacións que traballen nestes ámbitos e estudantes de diferentes disciplinas: traballo social, psicoloxía, terapia ocupacional, enfermería, etc.

Persoas do grupo de autoxestores de FADEMGA Plena inclusión Galicia, da asociación ACEESCA, ASPNAIS e da asociación JUAN MARÍA, participaron o pasado sábado no encontro “Construimos Mundo” celebrado en León, que supón un salto cara ao activismo mediante un proceso de reflexión e autorepresentación de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Dentro do colectivo de persoas con discapacidade intelectual hai grupos implicados en xerar condicións de plena cidadanía na sociedade para si mesmos e para outros. O Proxecto "Construímos Mundo" nace para apoiar a estas persoas, xerando oportunidades para que poidan expresarse e reivindicar os seus dereitos, atopando espazos para que debatan e compartan as súas experiencias.

O Concello de Vigo ven de concederlle á Delegación de FADEMGA Plena inclusión na provincia, unha nova subvención pola cuantía de 1.565.70 euros, destinada á realización de actividades da área dos servizos sociais, mellorando así a atención aos usuarios deste servizo na provincia de Pontevedra.

Máis de 400 persoas de toda España e de Reino Unido, Romanía, Arxentina, Chile e Uruguai asistiron no Reitorado da Universidade de Córdoba ao 1º Encontro Prácticas Admirables, organizado pola Confederación Plena Inclusión, que representa a 900 entidades de toda España que traballan con persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento, entre as que se atopa FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Segundo o xerente da Confederación, Enrique Galván, presentáronse unhas 283 boas prácticas de toda España e a Córdoba chegou unha selección de 14 prácticas admirables, entre as que se atopaba "Cara a museos sensibles e amigables", de FADEMGA Plena inclusión Galicia na que se analiza a accesibilidade dos museos galegos para formular alternativas que permitan a inclusión e a participación de persoas con discapacidade na vida social e cultural.

Os días 13 e 14 de outubro celébrase no Reitorado da Universidade de Córdoba o I Encontro de Prácticas Admirables de Plena inclusión, onde se presentarán 14 experiencias seleccionadas entre 283 presentadas por organizacións de Plena inclusión de toda España.

Esta cita ademais, conta con relatores internacionais como Edwin Jones -que falará dunha experiencia de fogar para persoas con necesidades complexas de Reino Unido-; Julie Lund -que explicará novas fórmulas para pasar da desinstitucionalización á inclusión das persoas-; e Elisabeta Moldovan, que falará dos movementos de autorepresentación de persoas con discapacidade intelectual como ela, que preside unha asociación de autorepresetantes en Romanía.

A Torre de Hércules, o Castelo de San Andrés, o Concello de Barreiros ou as Torres Hejduk en Santiago, tinguíronse de verde a noite do domingo para apoiar o día pola Plena inclusión. Trátase do segundo ano no que se leva a cabo esta iniciativa, a través da cal o noso movemento tamén quixo conmemorar o aniversario da nosa nova denominación "Plena inclusión".

A saúde é un aspecto clave na vida de calquera persoa, e máis no caso das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades. A saúde non é só a ausencia de enfermidade, require ademáis de certo grado de satisfacción persoal, polo que conleva un compoñente subxectivo. Non podemos limitarnos a tratar os problemas de saúde, debemos anticiparnos ós mesmos co fin de evitar a súa aparición. Debemos promover organizacións saudables, un reto no que todos (persoa con discapacidade, profesionais e familias) temos que tomar conciencia e asumir responsabilidades.

No Día Mundial do Turismo 2016, a Organización Mundial do Turismo (pertencente á ONU) centrou a súa mensaxe na promoción da accesibilidade universal. O propio presidente da institución internacional, Ban-Ki Moon afirmou: “hai 1.000 millóns de persoas en todo o mundo con discapacidade que, xunto aos nenos pequenos, as persoas de idade e as persoas que presentan outros requisitos de acceso, seguen atopando obstáculos para acceder aos elementos fundamentais da viaxe, como a información clara e fiable, uns transportes e servizos públicos eficientes e unha contorna física que lles permita desenvolverse con facilidade. Aínda coas tecnoloxías actuais, as persoas con discapacidade visual, auditiva ou motriz, ou con deficiencias cognitivas, quedan excluídas de moitos destinos turísticos”.

Xa podedes consultar a Resolución do 22 de setembro de 2016 do Tribunal calificador pola que se aproba a valoración provisional de méritos da fase de concurso dos aspirantes que superaron a fase de oposición no proceso selectivo para ingreso, como persoal laboral fixo, con categoría de Axudantes de Xestión e Servizos Comúns, para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado por Resolución desta Dirección Xeral da Función Pública de 14 de decembro de 2015 ("Boletín Oficial do Estado" de 18 de decembro de 2015).

Preme neste enlace para descargar a resolción.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente de Fademga Plena Inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades que teñan por finalidade facilitar a adaptación das funcións nos postos de traballo das persoas con discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos no Sergas, como persoal estatutario fixo ou persoal temporal.

Entre as actuacións a desenvolver no marco deste convenio están cursos de formación específicos previos ao ingreso ou ao inicio da prestación de servizos na Administración, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio de traballadores das asociacións. Tamén levarase a cabo apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo.

Con motivo das próximas eleccións galegas, FADEMGA Plena inclusión Galicia organizou este mércores un foro entre representantes en materia de política social dos principais partidos candidatos á presidencia da Xunta e membros de asociacións de persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia.

Xosé Manuel Rey Varela (Conselleiro de Política Social do PP), Begoña Rodríguez (Candidata nº2 do PSdG-PSOE pola provincia de A Coruña), Carme Adán (deputada polo BNG en Vigo), Eva Solla (candidata nº3 de En Marea por Pontevedra) e Antonio Lara (nº1 por Ciudadanos en Pontevedra) participaron neste Encontro que tratou de poñer en contacto ao sector da discapacidade intelectual cos representantes políticos.

Tras un mes de valoración e visitas, o Equipo de Evaluadores Externos de Plena inclusión seleccionou, de entre un total de 283 prácticas presentadas, as 14 prácticas consideradas admirables. Estas experiencias exporanse no I Encontro de Prácticas Admirables de Córdoba, que terá lugar os días 13 e 14 de outubro, e aspirarán a ser seleccionadas como prácticas excelentes.

O próximo 2 de outubro cúmprese un ano do cambio de marca do noso Movemento Asociativo. Conmemorando este aniversario e co obxectivo de consolidar a nosa nova identidade na sociedade, lanzamos a campaña de comunicación "Grazas por nada", ideada pola axencia Mi querido Watson.

Coa mensaxe desta campaña "Grazas por Nada" pretendemos mostrar o noso agradecemento aos cidadáns e cidadás que "aparentemente" non fan "nada" pero que coas súas actitudes e comportamentos ante a discapacidade están a xerar  cambio social. "Aparentemente" non fan "nada" pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento pero en realidade, están a facer moito: non discriminan, non teñen prexuízos, non miran con receo, non se comportan de forma diferente...

Durante os meses de verán, FADEMGA Plena inclusión Galicia intensifica o seu Programa de Respiro Familiar, orientado a evitar a sobrecarga dos familiares que coidan diariamente a persoas con discapacidade intelectual. Este servizo que ofrece periodicamente a Federación, - e que o pasado ano cumpría o seu vixésimo aniversario - traballa activamente ofrecendo prestacións ás persoas con discapacidade intelectual ou o desenvolvemento, para que os seus coidadores habituais poidan gozar duns días de descanso.

As quendas de respiro familiar concéntranse habitualmente en pontes e períodos vacacionais. Neste tempo, os monitores organizan unha serie de actividades que responden os intereses dos participantes e que na medida do posible trátanse de acordar. As actividades inclúen excursións á praia, piscina, paseos... así como outras actividades en lugares pechados: cinema, teatro, museos, exposicións... O obxectivo, tal e como explica Ana Fraga, responsable das quendas programadas, é diminuír a tensión familiar e favorecer as relacións sociais e de parella; proporcionar alivio á familia e previr situacións de crise.

A asociación CAMIÑA de Burela, acollerá o vindeiro 1 de xullo un curso de lectura fácil, organizado por FADEMGA Plena inclusión e destinado ás persoas con discapacidade intelectual con máis necesidades de apoio que non sepan leer ou escribir, e que estén interesados en aprender a utilizar esta ferramenta.

O curso pretende sensibilizar sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual nas área de accesibilidade e educación, ao tempo que coñecen as leis europeas e estatais relacionadas coa lectura fácil e aprenden a validar materiais e tipos de redacción e deseño.

O cabeza de lista de Cidadáns pola Coruña, José Canedo, visitou esta semana a sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia, como parte do seu paso pola capital galega.

No encontro que tivo lugar na sede da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, José Canedo explicou as iniciativas do seu partido en materia de discapacidade. O candidato asegurou que desde Cidadáns están comprometidos a loitar pola integración "unha sociedade nunca será xusta mentres haxa persoas que non estean plenamente integradas. Desde Cidadáns loitaremos por unha política de calidade para que ocupen un papel na sociedade que por dereito lles pertence".

 

A vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Carmela González Lagarón, acompañada de profesionais da federación, impartiu unha charla formativa na sede da Policía Nacional de Lugo baixo o título "Aproximación á discapacidade intelectual na contorna policial" coa que FADEMGA pretende dar a coñecer as características do colectivo e fomentar novas vías de colaboración que faciliten á policía o contacto con persoas con esta discapacidade.

Con iniciativas deste tipo, a Federación busca implicar e formar aos corpos de seguridade sobre como relacionarse e interactuar con persoas con discapacidade intelectual, os apoios que estas necesitan ou como se pode manifestar a discapacidade na contorna policial.

O Concello de Ourense ven de conceder unha nova subvención a FADEMGA Plena inclusión Galicia, por un importe de 2.922,88€, para o proxecto “Servizos de Emprego para persoas con discapacidade intelectual ou do Desenvolvemento de Ourense”.

No seguinte enlace podedes acceder a tódala información: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=250&fecha=20161029

 

Este sábado, o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago acollerá o 1º Foro dirixido a Familias de persoas con discapacidade intelectual, que organiza FADEMGA Plena inclusión Galicia co obxectivo de promover a calidade de vida e a inclusión do colectivo.

Esta xornada supón un importante punto de encontro onde os familiares teñen a oportunidade de compartir as súas principais preocupacións e problemáticas do día a día, así como intercambiar experiencias e opinións en torno á súa relación coas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

A inauguración terá lugar ás 10:30 e acompañarannos Jesús Vázquez Almuíña (Conselleiro de Sanidade), Arturo Parrado Puente (Director Xeral de Inclusión Social), Concepción Fernández Fernández (Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela) e Eladio Fernández, Presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

A Asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da Comarca do Sar celebra este sábado, 11 de xuño, a súa xornada ciclista " A golpe de pedal".

Desenvolverase unha contrarreloxo para persoas con discapacidade intelectual no Paseo do Espolón, en Padrón, e de 12:00h a 13:30h, unha ruta cicloturística aberta a toda as persoas por roteiros do Concello de Padrón.Ás 13:30h realizarase a entrega de trofeos e o sorteo de agasallos ás persoas participantes no roteiro.

Amipa celebrará esta xornada contando coa participación de distintas asociacións de persoas con discapacidade intelectual da provincia da Coruña, promovendo así o deporte inclusivo. Esta xornada terá lugar este sábado 11 de xuño.

Co fin de cubrir prazas de emprego público en toda España, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, convocaba en decembro 70 postos de persoal laboral fixo na Administración do Estado, modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza), dirixidos a persoas con discapacidade intelectual.

Este venres máis de 150 persoas con discapacidade intelectual, marcharán cara Madrid para facer fronte a esta proba para a que levan meses formándose a través de FADEMGA Plena inclusión Galicia. En total, presentaranse 153 persoas das cales 135 viaxarán acompañadas polos seus familiares e por 16 técnicos da federación que os apoiarán durante todo o proceso.