Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A sexualidade das persoas con discapacidade intelectual protagonizou este venres un encontro que contou co apoio da concelleira de Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, a secretaria Xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, e a subdirectora xeral de planificación e programación asistencial, Sinda Lobeiras, quenes participaron na inauguración co fin de recalcar a necesidade de promover espazos coma este, que permitan visibilizar temas que ata o de agora continúan a ser un tabú social.

A concelleira de Servizos Sociais, María Rozas quixo destacar o feito de que “estes encontros póñennos cara a cara coa realidade, unha realidade que moitas veces semella incómoda. Recoñezo que cando recibín o convite a participar fixen un proceso de reflexión e de pensar cales son as miñas referencias neste eido. E non foi nada doado. Como sociedade podemos ter certas referencias cando nos falan da sexualidade de persoas con discapacidade física. Aí temos certo camiño percorrido: existen referencias en películas, en series… e dende diferentes ópticas. Pero non é así cando falamos de persoas con discapacidade intelectual, de aí a importancia de poñer en valor este tipo de encontros onde se fala sen prexuízos”.

Pola súa banda, a representante da Federación Carmela González destacou a necesidade de “promover a aprendizaxe de relacións igualitarias, baseadas no respecto, así como de apoiar e formar ás familias e profesionais para que sepan prestar os apoios adecuados ás persoas con discapacidade intelectual da súa contorna”. Asemade, puxo o foco tamén na especial importancia de apoiar ás mulleres con discapacidade intelectual, “especialmente aquelas que se atopan en situación máis vulnerables. As mulleres precisan máis información sobre o seu propio corpo e sobre a súa sexualidade. Trátase en definitiva de normalizar a vida das mulleres con discapacidade intelectual á do resto de mulleres. Nin máis nin menos”.

Especialistas en educación sexual, xinecólogos ou terapeutas ocupacionais participaron nas mesas redondas do encontro para poñer sobre a mesa os temas que preocupan especialmente ao noso colectivo neste eido, como pode ser a necesidade de maior presenza de profesionais da sexualidade nas entidades, a importancia de involucrar máis ás familias ou a búsqueda dunha educación sexual de calidade. Tivemos igualmente a oportunidade de escoitar boas prácticas e experiencias salientables neste eido, como os da Asociación Chamorro e a Asociación San Xerome, seguidas por experiencias da propia Federación.