O 15 de maio celébrase o Día Internacional das Familias, unha data importante para o noso Movemento Asociativo que dende a Federación queremos poñer en valor coa publicación da “ Guía de benvida” a novos familiares, un documento co que buscamos achegar ás asociacións unha serie de consellos de cara a realizar a acollida de novas familias.
Máis aló de reflexionar sobre a relevancia que ten este tema para as entidades, a Guía tamén ofrece unha serie de pasos para facer a benvida, respondendo ás preguntas de quen, como, cando e onde pode facerse o proceso, así como a abordaxe doutros factores importantes como a formación das persoas responsables de dar a benvida, incluíndo aportacións sobre os contidos que debemos incluir e sobre quen pode formar ao equipo de familiares e de persoas con discapacidade que vaian a responsabilizarse desta importante tarefa.
Finalmente o documento tamén inclúe testemuñas inspiradoras de persoas con discapacidade intelectual e de familiares, así como unha recompilación de documentos de referencia que nos permitirán profundar e adquirir máis coñecementos relacionados co proceso de benvida. Todo elo, acompañado das ilustracións realizadas por Brian Dacuña Carneiro (asociación Juan María, de Nigrán) e Miguel Rocha Alonso (da asociación Juan XXIII, de Pontevedra).