Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 

Contar con programas adaptados a lectura fácil, colexios electoráis coa sinalización adecuada, ou mensaxes máis comprensibles, son algunhas das principais reivindicacións do colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento para este ano electoral, co obxectivo de garantir o dereito á participación na vida política de todas as persoas, sen discriminación.

 

No ano 2018 a Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados daba luz verde ao texto definitivo sobre a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral, mediante a cal se activaba o dereito ao voto de 100.000 persoas inhabilitadas para o mesmo por sentenzas de modificación da súa capacidade. Con esta reforma, atendíase unha demanda histórica de organizacións da discapacidade como Plena inclusión, ao tempo que se avanzaba no cumprimento da Convención da ONU sobre Dereitos de persoas con discapacidade ratificada por España.

Pero agora que todas as persoas con discapacidade intelectual viron recuperado o seu dereito ao voto, non o están podendo exercer en igualdade de condicións, dada a falta de accesibilidade cognitiva que afecta ás diferentes fases do proceso electoral.

Por este motivo, o colectivo activa novamente a campaña “ O Meu Voto Conta” para sensibilizar aos diferentes partidos políticos da necesidade de contar cunhas eleccións accesibles e fáciles de entender para todos os cidadáns, un proceso cada vez máis preto de ser realidade despois de que a Confederación Plena inclusión asinara un acordo co Ministerio do Interior para facilitar o proceso electoral a todas as persoas que o precisan.

A continuación achegamos algunhas das principais reivindicacións das persoas con discapacidade intelectual de cara a garantir un proceso electoral accesible :

- Contar cun resumo dos programas electorais de cada partido en lectura fácil, que permita a cada persoa tomar as súas propias decisións de voto.

- Contar con propaganda electoral que tamén esté adaptada a lectura fácil.

- Colexios electorais que cumpran coa accesibilidade cognitiva, mellorando a súa sinalización e con cabinas máis amplas.

- Papeletas máis sinxelas de entender, con imaxes das persoas candidatas e diferenciadas por cores.

- Contar con persoas de apoio en cada colexio que podan orientar e axudar ás persoas con maiores problemas de comprensión.

- Formación que permita ás persoas con discapacidade intelectual comprender como funcionan as eleccións.

 

Obradoiros de voto para facilitar o proceso

Co fin de achegar a todas as persoas con discapacidade intelectual en que consiste o proceso electoral e os pasos para exercer o seu dereito, a Federación ven organizando diferentes obradoiros onde se explica, por exemplo, que é un colexio electoral, como atopar a mesa onde a persoa debe votar ou cal é a documentación que a persoa debe levar para poder exercer este dereito.

Preto de 200 persoas con discapacidade intelectual están a participar nesta iniciativa que a día de hoxe está en marcha nas entidades de As Burgas e ASPADISI na provincia de Ourense, Juan XXIII, ASPAVI, ASPANAEX, Juan María e ASPADEZA na provincia de Pontevedra, Fundación Eu Son e ASPANANE na provincia de Lugo e Pai Menni e Pascual Veiga na provincia de A Coruña.

Nesta ligazón podes descargar as Guías que elaboramos en lectura fácil para facilitar o proceso de voto ou mesmo para coñecer os pasos que hai que seguir para solicitar o voto por correo.