O Servizo Galego de Saúde ven de publicar este luns a listaxe definitiva das persoas con discapacidade intelectual adxudicatarias das prazas correspondentes ao posto de pinche de cociña con grandes resultados para quenes estiveron a prepararse a través de FADEMGA Plena inclusión Galicia, posto que 32 das 39 prazas ofertadas foron para persoas que estiveron a recibir apoios da Federación. Concretamente por delegacións, 9 persoas resultaron adxudicatarias de praza en Santiago, 9 en Coruña, 4 en Lugo, 5 en Ourense e outras 5 en Vigo.
Asemade, no referido á categoría de técnico de farmacia, do total das 5 prazas adxudicadas 3 son tamén para usuarios/as da Federación (recaendo 2 prazas en Santiago de Compostela e 1 de Vigo).
Dende FADEMGA expresamos a nosa satisfacción polos bos resultados obtidos polas persoas que estiveron a formarse connosco. Uns resultados que continúan a acreditar o traballo e bo facer do noso Servizo de Emprego no eido da formación a todas aquelas persoas con discapacidade intelectual que aspiran a conseguir un posto de persoal laboral fixo.
:: Apoios integrais durante todo o proceso.
Durante o proceso de preparación da proba, a Federación facilitou formación para o exame, pero tamén ofreceu apoio aos opositores: desde a formalización da solicitude ata a presentación de alegacións a listas ou a docume ntación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso, ademáis de acompañalos ao lugar onde se realizaron os exames. Trátase dun Servizo que vimos ofertando dende hai máis de 10 anos, e onde traballamos diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.
:: O emprego: chave que abre a porta da inclusión
A pesar dos múltiples avances experimentados no eido do Emprego Público durante os últimos 10 anos, aínda quedan retos por acometer no futuro próximo, entre eles a consecución dunha maior axilidade na convocatoria das prazas ofertadas así como a necesidade de reservar prazas para persoas con discapacidade intelectual con maiores necesidades de apoio.