Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia continuamos un ano máis co noso Servizo Xurídico, orientado a informar e aconsellar ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias nas dúbidas de carácter legal e xurídico que podan ter en temas como a adopción de medidas de apoio á capacidade xurídica (a denominada anteriormente como tutela), a elaboración do testamento, ou o patrimonio protexido. Un recurso se cabe máis necesario durante o 2023, despois da entrada en vigor da reforma civil e procesal en materia de discapacidade.
Como ven sendo habitual, a través deste servizo ofrecemos dúas modalidades de consulta:
a) As charlas xurídicas: a través destas charlas pretendemos achegar temas xurídicos de relevancia dun xeito ameno e próximo ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias. Ofrecemos dúas posibilidades para a súa organización: por un lado pódese solicitar unha charla presencial, que tería lugar no espazo que facilite a asociación, e por outro lado está a posibilidade da charla online, a través da plataforma zoom.
b) As consultas individuais: estas consultas están pensadas para resolver dúbidas persoais tanto das propias persoas con discapacidade intelectual como das súas familias. A nosa avogada poderá atender as consultas presencialmente ou a través de videochamada de WhatsApp.
Preme neste enlace e descarga a información ao completo deste Servizo así como os documentos de solicitude das charlas e consultas individuais