131 persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento das 4 provincias galegas, participan este ano no Programa Integrado de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia, unha iniciativa que está en marcha dende o pasado mes de abril e cuxo obxectivo é favorecer e mellorar as condicións de traballo das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento na nosa comunidade, mellorando as súas habilidades e coñecementos ao tempo que tamén atendemos ás necesidades das empresas empregadoras.
A información, a formación, a orientación profesional, as prácticas laborais e a intermediación laboral son os pilares fundamentais deste ambicioso proxecto grazas ao que daremos resposta a un total de 262 persoas con discapacidade intelectual entre este ano e o 2023, que ademais pasarán a ter prioridade nas ofertas de emprego xestionadas a través do programa.
:: Accións formativas e prácticas en empresas, puntos fortes do Programa
Actualmente desde a Federación xa se puxeron en marcha 3 cursos de limpeza e está previsto que a partir do 29 de setembro comece unha nova formación, nesta ocasión sobre técnicas administrativas. Ademáis, a maioría de alumnos/as participantes terán a oportunidade de realizar prácticas non laborais en empresas relacionadas coa súa formación: unha gran oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos. Ao longo do ano tamén se ofertan talleres prelaborais e sesións individuais de coaching, técnicas de motivación, competencias dixitais ou habilidades sociolaborais entre outros, todo iso co obxectivo de dotar dunha formación integral ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, de maneira que poidan facer fronte a un mercado laboral en continuo proceso de cambio.
:: Accións para sensibilizar ás empresas
O éxito deste Programa radica tamén na sensibilización das empresas empregadoras, entre as que xa estamos a desenvolver accións de prospección e sensibilización co obxectivo de que coñezan a importancia de promover a igualdade de oportunidades como condición indispensable para a consecución da plena inclusión social; un obxectivo que desde a Federación perseguimos con esforzo e dedicación tanto no marco deste Programa Integrado de Emprego como a través das múltiples actividades que desenvolve cada día o noso Servizo de Emprego e Formación nas 4 provincias.
:: Unha iniciativa froito do acordo entre Consellería e CERMI
O Programa Integrado de Emprego é resultado do Convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e CERMI Galicia (entidade da que forma parte FADEMGA Plena inclusión Galicia), para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade en Galicia dentro das políticas activas de emprego previstas na Comunidade Autónoma no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Este proxecto é posible grazas a: