FADEMGA - Plena inclusión - Galicia SERGAS e FADEMGA Plena inclusión Galicia colaboran para mellorar a accesibilidade cognitiva en centros de saúde e hospitais

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Co obxecto de desenvolver actividades dirixidas á sensibilización dos profesionais do Sergas e á mellora da comunicación coas persoas con discapacidade intelectual no ámbito do sistema sanitario público, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración.

Entre as actividades a desenvolver no marco deste convenio están o Programa Aténdeme-Enténdeme, consistente en visitas programadas aos centros de saúde de persoas con discapacidade intelectual acompañadas dun famiiar e un profesional da Federación. Durante as visitas transmitirán aos profesionais do Sergas as súas necesidades e características propias, así como algunhas ferramentas para mellorar as habilidades dos profesionais na comunicación coas persoas con discapacidade intelectual.

Tamén, ao abeiro deste convenio, realizaranse accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva en centros de saúde e hospitais para a detección de barreiras e a súa eliminación. Enténdese por accesibilidade cognitiva a propiedade que teñen contornas, procesos, bens, produtos, obxectos, servizos, instrumentos, ferramentas e dispositivos que resulten de fácil comprensión. A accesibilidade cognitiva implica que as persoas entenden a contorna e interactúen con ela, posibilitando a súa participación nas actividades do día a día.

Así mesmo, Sergas e FADEMGA Plena inclusión Galcia colaborarán nas campañas de sensibilización mediante a difusión de vídeos, guías, carteis ou calquera outro material entre os profesionais do Sergas para mellorar o coñecemento da discapacidade intelectual. A colaboración do Sergas comprenderá a posta a disposición das instalacións e os medios axeitados para o desenvolvemento das actividades do programa Aténdeme-Enténdeme e das accións de análise e avaliación da accesibilidade cognitiva, así como informar aos responsables dos centros de saúde e hospitais para a súa colaboración nestas iniciativas.

Tamén o Sergas porá a disposición as instalacións e canles corporativos para a difusión dos materiais gráficos e audiovisuais das posibles campañas de difusión. Pola súa banda, a Federación formará ás persoas con discapacidade intelectual e aos familiares que forman parte do programa Aténdeme-Enténdeme; trasladará ao Sergas información sobre as visitas a centros de saúde e hospitais das barreiras detectadas e as opcións de mellora, e realizará o deseño e elaboración de vídeos, guías e folletos e outro material de sensibilización.