Onte publicouse no BOE a Resolución de 10 de abril de 2019, da Presidencia da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se publica a relación de aprobados do proceso selectivo para ingreso, polo sistema xeral de acceso libre, de persoal laboral fixo, na categoría de Ordenanza, en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual
Trátase do primeiro proceso selectivo reservado a persoas con Discapacidade Intelectual da Axencia Tributaria.
Nesta ocasión, convocáronse 20 prazas en toda España baixo o sistema de concurso-oposición: 4 prazas en Barcelona e Madrid, 2 prazas en Las Palmas, e 1 praza en Sevilla, Gijón, Oviedo, Tenerife, Toledo, Valladolid, A Coruña, Cartagena, Biscaia e Valencia.
Esta convocatoria reservada a persoas con discapacidade intelectual corresponde coa Oferta de Emprego Público do 2017 da Administración Xeral do Estado. Durante 2019 está prevista a convocatoria de 20 novas prazas na Axencia Tributaria reservadas pola Oferta de Emprego Público de 2018.
O exame da oposición celebrouse o 15 de setembro de 2018 na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Dos 74 aspirantes á praza de ordenanza da Axencia Tributaria na Coruña que se presentaron ao exame, 61 foron persoas que recibiron apoios de FADEMGA (82.43%).
Ademais, outras 4 persoas preparadas en FADEMGA optaron a postos fóra de Galicia. Os aprobados que obteñen praza neste proceso selectivo disporán de 20 días hábiles para presentar a documentación necesaria para a toma de posesión.