FADEMGA - Plena inclusión - Galicia 2º Encontro de Prácticas Admirables

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Os próximos días 26 e 27 de setembro, baixo o lema, “Ao contraxeito: construímos comunidades inclusivas”, Plena inclusión e Plena inclusión Aragón organizan en Zaragoza o 2º Encontro de Prácticas Admirables (Auditorio do World Trade Center, WTC, Avda. María Zambrano 31, 50018 ZARAGOZA).

Nos últimos anos, Plena inclusión está a realizar unha aposta importante pola innovación, o coñecemento e a transformación dos seus modelos de apoio, os seus centros e os seus servizos.

Esta innovación queda plasmada na procura de experiencias prácticas que nos axudan a seguir avanzando nunha verdadeira inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias. Cada tres anos, as entidades de Plena inclusión compartimos estas prácticas nun encontro estatal, que tamén está aberto a coñecer experiencias desenvoltas desde outros ámbitos ou organizacións.

Este encontro citará ás mellores prácticas relacionadas co cumprimento da nosa Misión e a nosa estratexia nestes anos. Estas prácticas serán as consideradas como "Admirables" e "Excelentes".

Para iso, habilitamos un sistema de presentación de boas prácticas a través do Horto de Ideas de Plena inclusión. Todas elas serán valoradas por un equipo de expertos de diversas redes da nosa organización e poderán consultarse na citada web do Horto de Ideas. Na web de Plena inclusión dispós da información do Encontro e a forma de presentar a túa práctica, de asistir ou de consultar as experiencias presentadas.