FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Plena inclusión mostra o seu rexeitamento á directriz da Xunta Electoral Central que discrimina ás persoas con discapacidade

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Plena inclusión España, a confederación que agrupa a 900 entidades de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, denuncia por discriminatoria a directriz da Xunta Electoral Central (JEC) que se coñeceu esta mañá e que afecta as persoas con discapacidade.

De acordo co publicado en varios medios de comunicación, a JEC permitirá a interventores e apoderados dos partidos apuntar, no momento do voto, o DNI de persoas con discapacidade que entendan que non están a exercer o seu dereito ao sufraxio de forma consciente, libre e voluntaria.

Desde Plena inclusión cualifícase como arbitraria unha decisión que vulnera a Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, “debido a que permite sospeitar a interventores e apoderados sobre a manipulación da vontade das persoas con discapacidade na decisión de votar, pero non do resto dos votantes”.

“Non podemos aceptar directrices que xeran sombra de dúbidas e son claramente discriminatorias sobre un grupo de electores por razón de discapacidade. O espírito da reforma da LOREG é velar polo voto libre e consciente de calquera persoa e non de ningún colectivo. Directrices como esta emerxen o estigma e a discriminación que segue operando na nosa sociedade”, asegura Enrique Galván, director de Plena inclusión España.

Desde esta confederación, que traballa en todo o Estado cun colectivo próximo ás 140.000 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, esíxese á Xunta Electoral Central que explicite os motivos que lle levaron a lanzar esta directriz, “xa que supón un retroceso respecto ao gran logro conseguido, en outubro de 2018, coa reforma da Lei Electoral”. Grazas a dita reforma, 100.000 persoas con discapacidade poderán votar por primeira vez nos comicios do próximo 28 de abril.