FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Silleda acolle este sábado o primeiro proceso selectivo do SERGAS para postos reservados a persoas con discapacidade intelectual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Silleda acolle este sábado o primeiro proceso selectivo do SERGAS convocado en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual.

Un total de 219 persoas con discapacidade intelectual, concorren a esta quenda específica do SERGAS, das cales 153 (o que supón un 69,86% do total) recibiron apoios de FADEMGA Plena inclusión Galicia. Concretamente, a nosa federación habilitou apoios para 70 persoas con discapacidade intelectual da provincia da Coruña, 21 de Lugo, 20 de Ourense e 42 de Pontevedra.

 

Unha vez finalizado este primeiro exame, os aprobados serán convocados ás seguintes probas que avaliarán os coñecementos da parte común do temario oficial (5 puntos) e os coñecementos de lingua galega (5 puntos), estando exentos desta proba os aspirantes que acrediten un nivel Celga 2 ou equivalente.

Por último, unha vez finalizada a fase de oposición, valoraranse os méritos formativos e laborais cun máximo de 20 puntos (12 por experiencia profesional + 8 por formación). Durante a realización do exame, 10 técnicos da federación prestarán apoios en todo momento, tanto aos opositores con discapacidade intelectual como á propia organización do SERGAS.

En total, a esta convocatoria están chamados 10.887 aspirantes para as 390 plazas de celador convocadas, das cales 144 son de acceso libre, 195 para promoción interna, 21 para discapacidade xeral e 30 para persoas con discapacidade intelectual.

:: Traballo conxunto do SERGAS e FADEMGA Plena inclusion Galicia

FADEMGA Plena inclusion Galicia e a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, mantivemos unha colaboración continua co fin de realizar as adaptacións necesarias para garantír a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual no acceso ao emprego público e para asegurar que o proceso selectivo se celebre con plena normalidade.

As persoas con discapacidade intelectual que se presentan a exame, puideron preparar o temario grazas a que este foi adaptado ao método da lectura fácil, un traballo de adaptación levado a cabo polo propio SERGAS coa colaboración de FADEMGA Plena inclusión, que ofreceu as pautas e a supervisión para que a adaptación se levase a cabo conforme á normativa de Lectura fácil establecida por Inclusion Europe e pola IFLA (Federación Internacional de Instituciones Bibliotecarias)

As instrucións escritas para o exame, a plantilla de respostas e outra documentación de apoio para o proceso selectivo foi adaptado por técnicos da Federación e validado por grupos de persoas con discapacidade intelectual formados nesta metodoloxía de accesibilidade cognitiva.