FADEMGA - Plena inclusión - Galicia O Congreso recoñece o dereito a votar de 100.000 persoas con discapacidade intelectual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Tras a aprobación do texto definitivo da reforma a semana pasada na Comisión Constitucional, o Pleno do Congreso aprobou hoxe esta histórica modificación da LOREG, que restituirá o dereito ao sufraxio ás 100.000 persoas que non podían votar por ter modificada legalmente a súa capacidade, a maioría delas, persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Con esta reforma, a Cámara atende unha demanda histórica das organizacións da discapacidade.

Desde hai 7 anos, Plena inclusión e as federacións que formamos parte, tratamos de concienciar á cidadanía e os poderes públicos sobre a discriminación que sufriron as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento sometidas a procesos de incapacitación, ás que se sacaba do censo electoral de forma automática.

Fixémolo contando co protagonismo destas persoas, visitando aos políticos dos distintos grupos parlamentarios, lanzando vídeos e sensibilizando a outras como elas para que reivindicasen este dereito. Como parte desta campaña, esta mañá, os deputados e deputadas que entraban ao Congreso atopáronse cun grupo de persoas con discapacidade intelectual que os abordaron para ofrecerlles unha flor e unha papeleta da campaña de Plena inclusión # MiVotoCuenta, en sinal de agradecemento polo seu traballo na consecución desta importante reforma.

O Estado español dá por fin resposta ao compromiso de revisión lexislativa neste ámbito adquirido ao ratificar en 2008 a Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 29 establece a obriga de “asegurar que as persoas con discapacidade poidan participar plena e efectivamente na vida política e pública en igualdade de condicións coas demais […] incluída a posibilidade de votar e ser elixidas […]”

Tras esta reforma, á que xa lle falta só o formalismo do paso polo Senado e a ratificación final do Congreso, Plena inclusión centrarase na demanda de que toda a información sobre o proceso electoral sexa máis comprensible.

A pesar de que agora todo o mundo terá dereito a votar, continúa habendo persoas que non poden facelo en igualdade de condicións que o resto.