No Día Mundial do Turismo 2016, a Organización Mundial do Turismo (pertencente á ONU) centrou a súa mensaxe na promoción da accesibilidade universal. O propio presidente da institución internacional, Ban-Ki Moon afirmou: “hai 1.000 millóns de persoas en todo o mundo con discapacidade que, xunto aos nenos pequenos, as persoas de idade e as persoas que presentan outros requisitos de acceso, seguen atopando obstáculos para acceder aos elementos fundamentais da viaxe, como a información clara e fiable, uns transportes e servizos públicos eficientes e unha contorna física que lles permita desenvolverse con facilidade. Aínda coas tecnoloxías actuais, as persoas con discapacidade visual, auditiva ou motriz, ou con deficiencias cognitivas, quedan excluídas de moitos destinos turísticos”.
FADEMGA Plena inclusión Galicia reclama que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan gozar dos servizos turísticos en igualdade de condicións que o resto. Para iso, estes servizos deben salvar barreiras na información e a sinalización de diferentes espazos e servizos mediante medidas de accesibilidade cognitiva que sirvan para paliar as dificultades de comprensión de moitas persoas que queren acceder a eses servizos.
FADEMGA Plena inclusión Galicia, como organización experta en promover a accesibilidade cognitiva ponse a disposición de empresas turísticas, administracións públicas e outras organizacións relacionadas co turismo para axudarlles a mellorar a accesibilidade cognitiva dos seus servizos ou instalacións.
Xunto a iso, Plena inclusión detecta cada ano situacións de discriminación sufridas por persoas con discapacidade intelectual nos accesos a diferentes servizos turísticos, como hoteis, centros de lecer, discotecas, etc. Un exemplo diso é a denuncia realizada hai uns días pola familia de Xana, unha nena con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio, á que se obrigaba a pagar entrada en PortAventura a pesar de non poder gozar de ningunha das súas atraccións