O falecemento dun ser querido é unha das perdas máis amargas que pode experimentarse, pero non é a única, hai outras perdas que tamén pode dar lugar o duelo, por exemplo o cambio forzoso de domicilio, perdas de saúde, cambio de persoas de referencia (coidadores, monitores), cambios de rutinas...
Para reflexionar sobre o duelo e os diferentes aspectos asociados ó mesmo, FADEMGA Plena inclusión Galicia, organizou a Xornada O proceso de duelo en persoas con discapacidade intelectual, na Casa das Asociacións de Cabes, en Santiago de Compostela. O xerente da Federación, Antonio Fuentetaja, inauguraba a sesión, explicando a importancia de tratar o tema do duelo na discapacidade intelectual, “que vai máis aló da perda dun ser querido, pois implica outros factores como aprender que os cambios son necesarios, e todos, teñamos ou non discapacidade, debemos adaptarnos a novas situacións, novas persoas ou novas rutinas”.
Dolores Molina, psicóloga do Grupo AMÁS (integrado en Plena inclusión Madrid) foi a encargada de impartir esta xornada, axudando ás persoas con discapacidade intelectual a entender, expresar e sobrelevar as perdas e implicar aos profesionais que traballan con elas no coñecemento de aspectos fundamentais sobre como abordar os procesos de duelo e como axudar e implicar ás familias. Molina tamén incidiu na necesidade de concienciar ás organizacións creadas para a defensa dos seus dereitos, de que é necesario promover actitudes de revalorización e posibilidades de progreso en lugar de actitudes negativas.
Durante a mañán presentouse unha nova Guía en lectura fácil elaborada pola propia Federación “Que é o duelo?” na que se axuda ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento neste proceso, e que responde cuestións como “Para que serve o duelo” ou “cales son as súas fases”.
En total, 20 persoas con discapacidade intelectual, procedentes de 5 entidades galegas (JUAN XXIII, ACEESCA, ASPAS, ASPAVI e ASPANAEX) acompañadas de 6 profesionais, participaron nesta xornada de traballo.