Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Sala Terceira, Sección Cuarta, do Tribunal Supremo rexeitou o recurso que presentou a Generatitat de Catalunya contra o Real Decreto 536/2013 (de 12 de xullo) que regula as subvencións estatais destinadas á realización de programas de interese xeral con cargo á asignación do IRPF. Deste xeito, este órgano recoñece a validez deste modelo estatal de financiamento que foi defendido polas organizacións sociais articuladas ao redor da Plataforma do Terceiro Sector, entre as que se inclúen as da discapacidade, como FADEMGA Plena inclusión Galicia e a súa Confederación.

Grazas a este modelo de financiamento, 6 millóns de persoas en risco de exclusión en toda España poden ter unha maior calidade de vida. Entre elas as máis de 40.000 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias que van ser apoiadas este ano 2016 polas organizacións de Plena inclusión a través de programas de cidadanía, inserción sociolaboral, envellecemento activo, exclusión social, voluntariado, atención a persoas reclusas e ex reclusas, apoio e respiro a familias.

 O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, congratúlase con esta decisión, que “asegura unha maior estabilidade para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual, e celebramos que se despexara a incertidume que pesaba sobre todo o sector, e a permanencia dunha das maiores estratexias de reequilibrio das políticas sociais de apoio ás persoas con discapacidade e as súas familias, que a pesar da crise permitiunos avanzar en niveis de igualdade e benestar, poñendo o foco naquelas persoas en risco de exclusión social”.

Pola súa banda, o presidente de Plena inclusión España, Santiago López Noguera engade que “debemos alegrarnos de que se poida seguir escoitando e respectando a voz das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que as súas familias teñan competencias para poder afrontar as súas situacións particulares, que se atenda aos cidadáns esquecidos: persoas con trastornos de saúde mental asociados á súa discapacidade intelectual, persoas reclusas e ex reclusas, e outras en situacións de dobre exclusión; que se forme a persoas voluntarias; e en definitiva, que en todos os ámbitos se poida seguir promovendo a inclusión do noso colectivo de forma igualitaria en todo o Estado”.