
14 entidades da discapacidade intelectual galegas interesáronse neste proxecto que foi presentado por Carlos Pereyra - Técnico de Formación de FEAPS Confederación - e que nace para promover nas asociacións un ambiente de participación e intercambio de experiencias que favorezan a implicación de cada un dos integrantes do movemento asociativo.
Segundo palabras de Carlos Pereyra, a Dinamización Asociativa pretende "aumentar a participación e o sentido de pertenza dos socios. Debemos traballar para crear unhas entidades máis vivas e activas, que coñezan mellor aos seus socios, cales son os seus intereses e como poden colaborar coa súa asociación". A presenza social das asociacións será outro dos puntos fortes do programa de Dinamización "as entidades teñen que darse a coñecer na súa contorna, ser máis abertas e estar menos centradas en si mesmas".
Durante os próximos meses, as asociacións interesadas en adherirse a esta iniciativa comezarán a deseñar o plan de Dinamización Asociativa da súa entidade para a súa posterior implantación, "Imos pór en marcha unha metodoloxía baseada na xestión por procesos. As principais áreas sobre as que comezaremos a traballar serán a mellora da comunicacion (tanto interna como externa), a implicación dos socios e o fomento do sentido de pertenza. O fin é aprender uns doutros e coñecer os diferentes enfoques das entidades que moitas veces traballan moi illadas, sen interaccionar con outras asociacións da súa contorna".
O Proxecto de Dinamización Asociativa que chega agora a Galicia nacía na Federación de Castela e León, e xa se implantou noutras Federacións españolas como Murcia, Valencia, Asturias, Estremadura e Castela a Mancha.