Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela son as tres cidades nas que se imparte a formación “Adquisición de Competencias Dixitais para persoas con Discapacidade Intelectual” co obxectivo de reducir a fenda dixital. Neste sentido, o equipo de Transformación Dixital para a Inclusión da federación fará a repartición durante esta semana a case 50 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento do territorio galego.
Así, durante esta semana, as persoas con discapacidade intelectual poderán comezar a desfrutar dun paquete de recursos que lles servirá de ferramenta para continuar coa formación. O alumnado de Vigo xa conta cun manual que recolle tódolos contidos que se abordarán durante curso a modo de consulta. Tamén recibiron un bolígrafo habilitado para utilizar nas pantallas táctiles, así como un protector para cubrir a cámara dos ordenadores. Ademais, agora nas sesións terán os seus propios auriculares e un pendrive para gardar os documentos que elaboran nas sesións.
Esta actividade do proxecto Transformación Digital para a Inclusión, no que colabora FADEMGA Plena inclusión Galicia, chegará á súa fin este 14 de decembro. A Asociación Aspanaex de Vigo recibe a súa formación tódolos martes, de 10:00 horas a 14:00 horas; o grupo de Neira de Mosquera en Santiago, tódolos mércores; outras dez persoas asisten á oficina de San Luís de Fademga da Coruña os xoves; así como a Asociación Aspronaga, localizada tamén na cidade herculina, onde conta cun grupo de traballo de doce persoas.
A finalidade é a de capacitar a este colectivo de habilidades dixitais para facer que a tecnoloxía sexa máis accesible e igualitaria. Ademais, tamén se busca mellorar a metacognición, autonomía e sociabilidade das persoas participantes con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Transformación Digital para a Inclusión é un proxecto coordinado por Plena Inclusión España e o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e amparado polos fondos europeos Next Generation.