O Presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga Feaps Galicia), Don Julio César Cortiñas, compareceu o venres 13 de maio ante a prensa, co fin de manifestar a oposición do colectivo de persoas con discapacidade intelectual ao cambio de uso da macroresidencia construída en Bóveda.
Esta macroresidencia, construiuse inicalmente para atender a persoas da terceira idade, con todo, debido á falta de usuarios, este centro destinarase agora á atención de persoas con discapacidade intelectual, despois de que unha empresa con ánimo de lucro negociase apoios coa Xunta, co fin de poder atender a persoas gravemente afectadas.
Dada a súa localización e magnitude, a residencia ataca os principios básicos da inclusión das persoas con discapacidade intelectual, polo que o noso colectivo quere manifestar a súa máis firme oposición a esta macroresidencia, e solicita ao Presidente da Xunta a súa intervención neste sentido.