Que Facemos

Listen to this page using ReadSpeaker

  X Solidaria_2011.jpg

Representantes de organizacións non lucrativas galegas, entre as que se atopaba Fademga Feaps Galicia, presentaron este martes día 3 de maio a Campaña X SOLIDARIA que cada ano se leva a cabo  para concienciar ás/aos contribuíntes sobre a necesidade de marcar o cadro de Fins Sociais na declaración da renda e contribuír así co 0,7% da súa cota íntegra a programas dirixidos aos colectivos máis desfavorecidos: persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia, mulleres...

No acto de presentación da Campaña X Solidaria (coordinada polas principais plataformas galegas que representan ás ONGs) estiveron presentes o Secretario de EAPN Galicia, David Silva, o Director de EAPN Galicia, Xosé Cuns, o Secretario Xeral de FAXPG, Iker Sertucha e mailo Xerente de Fademga Feaps Galicia, Antonio Fuentetaja Cervelo, ademais de outros membros de outras entidades sociais.

O número de persoas que marcou a X Solidaria medrou na última campaña da renda un 2% en Galicia, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Aínda que nos últimos anos non deixou de aumentar significativamente o número de persoas que destinan o 0,7% a Fins Sociais, o certo é que o 23% dos galegos que fixeron a declaración da renda non marcaron ningún cadro do 0,7%. 

A cantidade de cartos que se recadou en Galicia a través da casiña Fins Sociais foi de 13,1 millóns de euros. Se todos os contribuíntes galegos marcaran a casiña de fins sociais, a cantidade de cartos destinados aos proxectos para as persoas máis desfavorecidas incrementaría en 11,5 millóns de euros, co que a cantidade final destinada sería de 24,6 millóns de euros.

Grazas ao 0,7% do recadro Fins Sociais, en Galicia hai 253.140 persoas beneficiarias dos programas sociais que se desenvolven a través do recadado. Os colectivos aos que van destinados estes programas teñen que ver coa infancia, a mocidade, as mulleres, os maiores, as persoas con discapacidade, persoas con drogodependencia, persoas afectadas pola Sida, o pobo xitano, persoas reclusas e ex reclusas, programas para a inclusión social e migrantes.
2011_Rueda prensa X Solidaria.jpg
Co obxectivo de seguir aumentando o número de contribuíntes que apostan por marcar a X Solidaria, EAPN Galicia-Rede Galega contra a pobreza, a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual en Galicia (FADEMGA), a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD), a Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), únense este ano de novo para reforzar a información dirixida á cidadanía baixo o lema: “Cun pequeno xesto as cousas cambian... queres velo?”

O sector solidario impulsor desta Campaña considera vital que, nun contexto de crise financeira que afecta aos colectivos máis vulnerables e desprotexidos, se siga incrementando a recadación da cota íntegra dos contribuínte para Fins Sociais.

O imposto da renda é o único que permite que a cidadanía poida decidir o destino dunha porcentaxe de impostos que xa lle foron retidos. Isto non quere dicir que se lle teña que pagar máis ou que se lle devolva menos.

No conxunto do Estado español son catro as plataformas que apoian esta campaña: Plataforma de Voluntariado de España, Plataforma de Organizacións de Infancia, Plataforma de ONG de Acción Social e Coordinadora Española de Organizacións non Gubernamentais para o Desenvolvemento.

En Galicia as entidades que impulsan esta inicitiva son:

EAPN Galicia- Rede contra a pobreza tendo como misión incidir no deseño de novas políticas e prácticas que contribúan á defensa dos dereitos e intereses das persoas en risco de pobreza e exclusión social. EAPN-Galicia está conformada por quince entidades con ampla traxectoria de traballo: ACCEM Galicia, Asociación Galicia Acolle, Asociación Plataforma polo Emprego, Cáritas Diocesana de Ourense, Cáritas Diocesana de Tui – Vigo, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Cruz Vermella, Emaús Fundación Social, Federación Autismo Galicia, Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES GALICIA), Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (DOWN GALICIA), Fundación Érguete Integración, Fundación Meniños, Fundación Secretariado Xitano, Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (IGAXES 3).
 

Federación de asociacións de persoas con discapacidade intelectual (FADEMGA). Con 40 asociacións galegas federadas, FADEMGA FEAPS GALICIA está integrada na Confederación FEAPS (Confederación Española de Organizacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual). Conta con preto de 4.700 persoas con discapacidade intelectual, 10.000 asociados, 87 centros que ofertan máis de 170 servizos e 1.377 profesionais ademais de superar os 1.200 voluntarios.

Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD). Institución sen ánimo de lucro que nace en 1991 co obxectivo de dar a coñecer á cidadanía galega o traballo das ONGD con presenza na nosa comunidade. En xaneiro de 2009, había inscritas no rexistro galego de ONGD 185 organizacións, das que 48 están integradas na Coordinadora.

Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG)
É unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1979 e, na actualidade, está integrada por sete asociacións. A súa misión é asegurar o desenvolvemento global das persoas xordas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades

Confederación de Centros de Desarrollo Rural (COCEDER) . Entidade sen ánimo de lucro formada por un conxunto de Centros de Desenvolvemento Rural (CDR que traballa en proxectos de desenvolvemento rural promovendo a  participación activa da poboación local mediante a cooperación e o voluntariado social.