Servizos

Listen to this page using ReadSpeaker

Fademga anima ás persoas con discapacidade a realizar consultas e denuncias sobre os seus dereitos.

Esta nova web  da Oficina Permanente Especializada do Consello da Discapacidade - creada polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade - permite aos cidadáns realizar consultas e denuncias relacionadas coa igualdade de oportunidades e a discriminación no acceso aos servizos públicos.

A Oficina Permanente Especializada (OPE), é un órgano consultivo de carácter permanente e especializado do Consello Nacional da Discapacidade, encargado de promover a igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal. Esta Oficina presta servizos de asesoramento, estudos e análise de consultas, queixas ou denuncias presentadas por calquera cidadán.

 

Dentro da súa páxina web creou un espazo de "Consulta, queixa ou denuncia" (http://www.oficinape.mspsi.es/consultadenunciaqueja/home.htm ), a través do cal todos os cidadáns poden presentar por correo postal, por correo electrónico, ou por fax, queixas ou denuncias relacionadas coa igualdade de oportunidades, ou discriminación no acceso ás telecomunicacións e á sociedade da Información, aos espazos públicos urbanizados, ás infraestruturas e edificacións, aos transportes, aos bens e servizos a disposición do público, e nas relacións con Administracións Públicas.

Posteriormente, a OPE, unha vez que estuda a queixa, decide se pode ser admitida a trámite ou non, é dicir, se os feitos manifestados poden ser investigados ou non. Fademga Feaps Galicia aplaude esta iniciativa, que supón un avance máis na posibilidade que teñen as persoas con discapacidade intelectual que exercer plenamente os seus dereitos cidadáns e anima ás persoas con discapacidade intelectual e aos seus familiares, a que realicen consultas ou denuncias a través desta páxina web, relacionadas con situacións de discriminación, vulneración na igualdade de oportunidades e accesibilidade universal.
Hai que aproveitar este mecanismo de consulta e denuncia ante a administración pública para visibilizar a realidade dun colectivo que até agora non fixo públicas estas situacións.