Social

Listen to this page using ReadSpeaker

As Pilotaxes son proxectos de micro transformación, que se realizan nun tempo determinado e cun número determinado de servizos á vez, en base a prácticas baseadas na evidencia e na ética.

O obxectivo das Pilotaxes é implementar na práctica cotiá modelos que demostraron a súa efectividade en contextos máis controlados.

Estas pilotaxes realízanse en servizos concretos que deciden voluntariamente desenvolvelos con equipos específicos creados a tal fin e cun interese compartido. Cada servizo participante ten que crear un grupo de traballo transversal, formado por diferentes persoas que lideran a implementación desa pilotaxe no seu día a día.

Así mesmo, este grupo fomenta a posta en común e o compartir a experiencia en cada unha das súas fases co resto de servizos participantes nesa pilotaxe, así como coa Federación. Desta forma, os diferentes servizos implicados xeran un proceso de aprendizaxe compartida e axustan a súa práctica en función dos resultados que van analizando.

Nas pilotaxes utilízase unha metodoloxía común e un sistema compartido de valoración para xerar aprendizaxe e extraer conclusións sobre a súa efectividade na práctica cotiá, para logo compartilo con outros servizos e difundir o coñecemento xerado.

 

:: PILOTAXE DE APOIO ACTIVO

En que consiste a pilotaxe?

O apoio activo é unha metodoloxía que axuda ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a participar nas actividades do día a día, de forma que teñan experiencias significativas, incrementándose por tanto os niveis de participación das persoas e diminuíndo as condutas desafiantes.

O obxectivo é pilotar a implementación desta ferramenta en servizos, favorecendo o seu posterior proceso de transferencia, coa finalidade de fomentar nas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a inclusión e a participación activa na súa vida cotiá.

 

:: PLANIFICACIÓN PERSOAL POR ADIANTADO

En que consiste a pilotaxe?

Esta pilotaxe pretende promover a planificación centrada na persoa en persoas maiores con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento co obxectivo de alcanzar metas persoais significativas no tramo final da vida, así como facilitarlles dispor as súas últimas vontades.

Se na túa asociación estades interesados en desenvolver algunha destas pilotaxes e queredes máis información, podedes chamarnos ao 981 51 96 50 e Pilar Villaverde -responsable destas Pilotaxes- reponderá as vosas dúbidas.

 

:: PILOTAXE DE EDUCACIÓN INCLUSIVA

Esta pilotaxe pretende promover unha educación inclusiva a través de prácticas transformadoras desenvolvidas en alianza entre colexios de educación especial federados e colexios ordinarios.

Para iso, cada centro participante creará un equipo que contará con representantes da comunidade educativa:

- Alumnado con e sen discapacidade intelectual.

- Familias

- Docentes.

Deberase asegurar a perspectiva de xénero. Este equipo será o que levará a cabo os prototipos e prácticas inclusivas

Se na túa asociación estades interesados en desenvolver esta pilotaxe e queredes máis información, podedes chamarnos ao 981 51 96 50 e Lolo Seoane -responsable desta Pilotaxe- reponderá as vosas dúbidas.