Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Os días 13 e 14 de outubro celébrase no Reitorado da Universidade de Córdoba o I Encontro de Prácticas Admirables de Plena inclusión, onde se presentarán 14 experiencias seleccionadas entre 283 presentadas por organizacións de Plena inclusión de toda España.

Esta cita ademais, conta con relatores internacionais como Edwin Jones -que falará dunha experiencia de fogar para persoas con necesidades complexas de Reino Unido-; Julie Lund -que explicará novas fórmulas para pasar da desinstitucionalización á inclusión das persoas-; e Elisabeta Moldovan, que falará dos movementos de autorepresentación de persoas con discapacidade intelectual como ela, que preside unha asociación de autorepresetantes en Romanía.

A Torre de Hércules, o Castelo de San Andrés, o Concello de Barreiros ou as Torres Hejduk en Santiago, tinguíronse de verde a noite do domingo para apoiar o día pola Plena inclusión. Trátase do segundo ano no que se leva a cabo esta iniciativa, a través da cal o noso movemento tamén quixo conmemorar o aniversario da nosa nova denominación "Plena inclusión".

A saúde é un aspecto clave na vida de calquera persoa, e máis no caso das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades. A saúde non é só a ausencia de enfermidade, require ademáis de certo grado de satisfacción persoal, polo que conleva un compoñente subxectivo. Non podemos limitarnos a tratar os problemas de saúde, debemos anticiparnos ós mesmos co fin de evitar a súa aparición. Debemos promover organizacións saudables, un reto no que todos (persoa con discapacidade, profesionais e familias) temos que tomar conciencia e asumir responsabilidades.

No Día Mundial do Turismo 2016, a Organización Mundial do Turismo (pertencente á ONU) centrou a súa mensaxe na promoción da accesibilidade universal. O propio presidente da institución internacional, Ban-Ki Moon afirmou: “hai 1.000 millóns de persoas en todo o mundo con discapacidade que, xunto aos nenos pequenos, as persoas de idade e as persoas que presentan outros requisitos de acceso, seguen atopando obstáculos para acceder aos elementos fundamentais da viaxe, como a información clara e fiable, uns transportes e servizos públicos eficientes e unha contorna física que lles permita desenvolverse con facilidade. Aínda coas tecnoloxías actuais, as persoas con discapacidade visual, auditiva ou motriz, ou con deficiencias cognitivas, quedan excluídas de moitos destinos turísticos”.

Xa podedes consultar a Resolución do 22 de setembro de 2016 do Tribunal calificador pola que se aproba a valoración provisional de méritos da fase de concurso dos aspirantes que superaron a fase de oposición no proceso selectivo para ingreso, como persoal laboral fixo, con categoría de Axudantes de Xestión e Servizos Comúns, para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, convocado por Resolución desta Dirección Xeral da Función Pública de 14 de decembro de 2015 ("Boletín Oficial do Estado" de 18 de decembro de 2015).

Preme neste enlace para descargar a resolción.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente de Fademga Plena Inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades que teñan por finalidade facilitar a adaptación das funcións nos postos de traballo das persoas con discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos no Sergas, como persoal estatutario fixo ou persoal temporal.

Entre as actuacións a desenvolver no marco deste convenio están cursos de formación específicos previos ao ingreso ou ao inicio da prestación de servizos na Administración, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio de traballadores das asociacións. Tamén levarase a cabo apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo.

Con motivo das próximas eleccións galegas, FADEMGA Plena inclusión Galicia organizou este mércores un foro entre representantes en materia de política social dos principais partidos candidatos á presidencia da Xunta e membros de asociacións de persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia.

Xosé Manuel Rey Varela (Conselleiro de Política Social do PP), Begoña Rodríguez (Candidata nº2 do PSdG-PSOE pola provincia de A Coruña), Carme Adán (deputada polo BNG en Vigo), Eva Solla (candidata nº3 de En Marea por Pontevedra) e Antonio Lara (nº1 por Ciudadanos en Pontevedra) participaron neste Encontro que tratou de poñer en contacto ao sector da discapacidade intelectual cos representantes políticos.

Tras un mes de valoración e visitas, o Equipo de Evaluadores Externos de Plena inclusión seleccionou, de entre un total de 283 prácticas presentadas, as 14 prácticas consideradas admirables. Estas experiencias exporanse no I Encontro de Prácticas Admirables de Córdoba, que terá lugar os días 13 e 14 de outubro, e aspirarán a ser seleccionadas como prácticas excelentes.

O próximo 2 de outubro cúmprese un ano do cambio de marca do noso Movemento Asociativo. Conmemorando este aniversario e co obxectivo de consolidar a nosa nova identidade na sociedade, lanzamos a campaña de comunicación "Grazas por nada", ideada pola axencia Mi querido Watson.

Coa mensaxe desta campaña "Grazas por Nada" pretendemos mostrar o noso agradecemento aos cidadáns e cidadás que "aparentemente" non fan "nada" pero que coas súas actitudes e comportamentos ante a discapacidade están a xerar  cambio social. "Aparentemente" non fan "nada" pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento pero en realidade, están a facer moito: non discriminan, non teñen prexuízos, non miran con receo, non se comportan de forma diferente...

Durante os meses de verán, FADEMGA Plena inclusión Galicia intensifica o seu Programa de Respiro Familiar, orientado a evitar a sobrecarga dos familiares que coidan diariamente a persoas con discapacidade intelectual. Este servizo que ofrece periodicamente a Federación, - e que o pasado ano cumpría o seu vixésimo aniversario - traballa activamente ofrecendo prestacións ás persoas con discapacidade intelectual ou o desenvolvemento, para que os seus coidadores habituais poidan gozar duns días de descanso.

As quendas de respiro familiar concéntranse habitualmente en pontes e períodos vacacionais. Neste tempo, os monitores organizan unha serie de actividades que responden os intereses dos participantes e que na medida do posible trátanse de acordar. As actividades inclúen excursións á praia, piscina, paseos... así como outras actividades en lugares pechados: cinema, teatro, museos, exposicións... O obxectivo, tal e como explica Ana Fraga, responsable das quendas programadas, é diminuír a tensión familiar e favorecer as relacións sociais e de parella; proporcionar alivio á familia e previr situacións de crise.

A asociación CAMIÑA de Burela, acollerá o vindeiro 1 de xullo un curso de lectura fácil, organizado por FADEMGA Plena inclusión e destinado ás persoas con discapacidade intelectual con máis necesidades de apoio que non sepan leer ou escribir, e que estén interesados en aprender a utilizar esta ferramenta.

O curso pretende sensibilizar sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual nas área de accesibilidade e educación, ao tempo que coñecen as leis europeas e estatais relacionadas coa lectura fácil e aprenden a validar materiais e tipos de redacción e deseño.

O cabeza de lista de Cidadáns pola Coruña, José Canedo, visitou esta semana a sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia, como parte do seu paso pola capital galega.

No encontro que tivo lugar na sede da Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, José Canedo explicou as iniciativas do seu partido en materia de discapacidade. O candidato asegurou que desde Cidadáns están comprometidos a loitar pola integración "unha sociedade nunca será xusta mentres haxa persoas que non estean plenamente integradas. Desde Cidadáns loitaremos por unha política de calidade para que ocupen un papel na sociedade que por dereito lles pertence".

 

A vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Carmela González Lagarón, acompañada de profesionais da federación, impartiu unha charla formativa na sede da Policía Nacional de Lugo baixo o título "Aproximación á discapacidade intelectual na contorna policial" coa que FADEMGA pretende dar a coñecer as características do colectivo e fomentar novas vías de colaboración que faciliten á policía o contacto con persoas con esta discapacidade.

Con iniciativas deste tipo, a Federación busca implicar e formar aos corpos de seguridade sobre como relacionarse e interactuar con persoas con discapacidade intelectual, os apoios que estas necesitan ou como se pode manifestar a discapacidade na contorna policial.

O Concello de Ourense ven de conceder unha nova subvención a FADEMGA Plena inclusión Galicia, por un importe de 2.922,88€, para o proxecto “Servizos de Emprego para persoas con discapacidade intelectual ou do Desenvolvemento de Ourense”.

No seguinte enlace podedes acceder a tódala información: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=250&fecha=20161029

 

Este sábado, o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago acollerá o 1º Foro dirixido a Familias de persoas con discapacidade intelectual, que organiza FADEMGA Plena inclusión Galicia co obxectivo de promover a calidade de vida e a inclusión do colectivo.

Esta xornada supón un importante punto de encontro onde os familiares teñen a oportunidade de compartir as súas principais preocupacións e problemáticas do día a día, así como intercambiar experiencias e opinións en torno á súa relación coas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

A inauguración terá lugar ás 10:30 e acompañarannos Jesús Vázquez Almuíña (Conselleiro de Sanidade), Arturo Parrado Puente (Director Xeral de Inclusión Social), Concepción Fernández Fernández (Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago de Compostela) e Eladio Fernández, Presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

A Asociación de nais e pais de persoas con discapacidade intelectual da Comarca do Sar celebra este sábado, 11 de xuño, a súa xornada ciclista " A golpe de pedal".

Desenvolverase unha contrarreloxo para persoas con discapacidade intelectual no Paseo do Espolón, en Padrón, e de 12:00h a 13:30h, unha ruta cicloturística aberta a toda as persoas por roteiros do Concello de Padrón.Ás 13:30h realizarase a entrega de trofeos e o sorteo de agasallos ás persoas participantes no roteiro.

Amipa celebrará esta xornada contando coa participación de distintas asociacións de persoas con discapacidade intelectual da provincia da Coruña, promovendo así o deporte inclusivo. Esta xornada terá lugar este sábado 11 de xuño.

Co fin de cubrir prazas de emprego público en toda España, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, convocaba en decembro 70 postos de persoal laboral fixo na Administración do Estado, modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza), dirixidos a persoas con discapacidade intelectual.

Este venres máis de 150 persoas con discapacidade intelectual, marcharán cara Madrid para facer fronte a esta proba para a que levan meses formándose a través de FADEMGA Plena inclusión Galicia. En total, presentaranse 153 persoas das cales 135 viaxarán acompañadas polos seus familiares e por 16 técnicos da federación que os apoiarán durante todo o proceso.

A federación galega de persoas con discapacidade intelectual (FADEMGA Plena inclusión Galicia), reelixiu este sábado a Eladio Fernández Pérez como presidente da federación, despois de que xa fora nomeado no ano 2011 como sucesor de Julio Cortiñas. Eladio Fernández, quen tamén ostenta a presidencia da asociación viguesa de San Francisco e de Special Olympics Galicia, foi reelixido polos representantes das 40 entidades galegas que actualmente conforman a federación.

Ao acto tamén asistiu o conselleiro de Política Social, Xosé Manuel Rey Varela, quen destacou a implicación da Consellería co movemento asociativo da discapacidade intelectual galego e puxo de manifesto a vocación de colaboración entre ambas institucións. Rey Varela tamén adiantou algunas das liñas de traballo da Consellería de Política Social para os próximos anos, como o incremento de prazas residenciais e prazas de día ou a creación dun plan de infraestructuras, entre outras.

Pola súa banda, Eladio Fernández, agradeceu a confianza depositada na súa persoa, e asegurou ter o convencemento de estar ante unha nova etapa “pois contamos co apoio dun Conselleiro que chega con talante, diálogo e implicación” e presentou ante a Asemblea os principais compromisos de acción da nova Xunta Directiva de cara aos vindeiros catro anos.

Xunto ao reelixido presidente, a Xunta Directiva queda integrada por Álvaro Martínez (da asociación ASPRONAGA), Marcelo de la Cruz (da asociación ASPAS), Mª Carmen González (de ASPNAIS), Juan Luis Cortiñas (de Prodeme), Josefa Rodríguez (de ASPADISI), Amelia Blanco (de ASFAVAL) e José Manuel Carballo (de ASPANAEX).

Achegamos información sobre a convocatoria do PIR FUNDACION ONCE- Plena inclusión para este ano 2017, cuxo prazo de presentación estará aberto ata o 6 de marzo. A cantidade para Galicia son 288.691,43 € (a mesma que no 2016).

Os criterios establecidos pola Fundación Once e Plena inclusión son:

• A cofinanciación deberá ser como mínimo un 25% do coste total do proxecto.

• A solicitude da convocatoria para as entidades de Plena será unicamente vía federación, non se admitiran proxectos que non pasen pola federación.

• Esta convocatoria ten carácter anual.

• Deberán presentarse proxectos en consonancia coa carteira de servizos Plena inclusión.

• A financiación deste programa vai dirixido á adquisición de inmobles, obra nova, reforma, ampliación e/ou equipamento.

• No caso de adquisición de inmobles, obra nova ou ampliación será necesario o recoñecemento explícito por parte da Administración, por anticipado. Requisito que non será necesario cando o proxecto estea cofinanciado pola propia Administración.

• Obrigatoriedade de acreditar os compromisos de cofinanciación (copia convenios subvencións, acordos,... concedidos ou certificado indicando a aportación propia).

• As accións prioritarias son as relacionadas coa creación ou mellora de prazas ocupacionais.

• A federación, de forma extraordinaria poderá presentar outros proxectos relacionados co ámbito do emprego, educación ou accesibilidade si é considerado prioritario e/ou estratéxico.

• Aluguer de inmobles, cando non sexan propias, ou as cesións en precario, deberán ser polo menos por un prazo de 15 anos.

 

Debido ao gran número de proxectos que ultimamente estamos a recibir, indicarvos que se terán en conta tamén os seguintes requisitos:

• Que os proxectos entren en prazo na federación (por correo electrónico)

• Que estea toda a documentación completa

• Que os proxectos estean ben fundamentados.

• Que o formulario Anexo 1 estea ben cumprimentado.

 

 

          

Analizar a accesibilidade dos museos galegos para formular alternativas que permitan a inclusión e a participación de personas con discapacidade na vida social e cultural. Ese é o propósito do libro La accesibilidad de los museos: visiones y perspectivas. Una propuesta de intervención en Galicia (Andavira Editora) que este mércores se presentou no Museo das Peregrinacións.

Dirixiron o traballo a profesora da USC Rosa Margarita Cacheda Barreiro e Moisés Lamigueiro Romeo, responsable das Áreas de Familias e Social de Fademga Plena inclusión Galicia. Os resultados desta investigación formaron parte do proxecto ‘Museos, accesibilidade e discapacidade en Galicia’ desenvolvido no Departamento de Historia da Arte da USC ao amparo do grupo de investigación Iacobus e nel colaboraron tamén organizacións que apoian a persoas con discapacidade como FADEMGA ou COGAMI, ademais do estudo de arquitectura Liquen Estudio.

Nome do posto: PREPARADOR/A LABORAL – FORMADOR/A

Duración: ata o 30 de setembro

Empresa: FADEMGA Plena inclusión Galicia

43 persoas con discapacidade intelectual realizan este martes as probas de Competencias Clave na sede da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (FADEMGA Plena inclusión Galicia). Acadar estas competencias permitiríalles poder realizar cursos para parados promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Trátase xa da quinta convocatoria deste tipo de probas, na que o Departamento de Emprego e Formación da federación facilita formación aos alumnos con discapacidade intelectual, co fin de que estes podan afrontar a proba coa preparación necesaria.

Os alumnos examinados recibirán apoio de funcionarios da Xunta, en cooperación co persoal de FADEMGA Plena inclusión Galicia. Ditas probas tamén estarán adaptadas para garantir a igualdade de oportunidades do noso colectivo, como por exemplo: letra máis grande, ampliación de tempo, instrucións por escrito, texto redactado en lectura sinxela e como novidade este ano, tamén se realizará o exame en formato electrónico para aquelas persoas con maiores problemas á hora de escribir.

O vindeiro 11 de xuño, o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago, acollerá a celebración do 1º Foro de Familias pola Plena inclusión, (e que constituirá o 22 Encontro de Familias). Trátase dun foro aberto á participación onde este ano o tema protagonista será o Relevo Xeracional na Familia e a Plena inclusión. Os asistentes poderán expoñer os temas, ao redor dos cales debatiremos e reflexionaremos buscando liñas de acción para levar a cabo. Un espazo para reflexionar e pensar sobre o relevo xeracional dende o punto de vista dos irmáns, así como sobre as crenzas e visións que temos sobre a inclusión.

O pasado mércores, celebrábamos a xornada "Cóidate - Cóida@" un xiro cara a organizacións saudables. A saúde é un aspecto clave na vida de calquera persoa, e máis no caso das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades.

A saúde non é só a ausencia de enfermidade, requiere ademáis de certo grado de satisfacción persoal, polo que conleva un compoñente subxectivo. Non podemos limitarnos a tratar os problemas de saúde, debemos anticiparnos ós mesmos co fin de evitar a súa aparición.Debemos promover organizacións saudables, un reto no que todos (persoa con discapacidade, profesionais e familias) temos que tomar conciencia e asumir responsabilidades.

Froito desta iniciativa, nace “Coidate – Cóida@” co obxectivo de poder falar e traballar sobre os diferentes aspectos da saúde, e que levamos a cabo grazas á financiación do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través das persoas que marcan a casilla da X Solidaria na súa declaración da renda. A alimentación, a hixiene dental, as emocións ou o concepto de REVISEP (Revisión de vida centrada en sucesos positivos) centraron os principais temas do día.

 

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, presentou en Santiago o I Foro de irmáns e cuñados de persoas con discapacidade intelectual, un foro aberto á participación, onde os asistentes puideron facer aportacións e reflexións cos seus compañeiros para buscar diferentes líneas de acción en torno ao tema da xornada: "O Relevo Xeracional na Familia e a Renovación Asociativa"

Rocío Estévez e Carolina Galego, (das asociacións ASPADISI e ACEESCA respectivamente), faláronnos sobre o relevo xeracional nos coidados e apoios á persoa con discapacidade intelectual, unha das principais preocupacións para os pais destas persoas, pois non queren que a persoa con discapacidade acabe sendo “unha carga” para os demais fillos.No caso dos irmáns, porque é unha responsabilidade importante e teñen medo de “non estar a altura”.

O falecemento dun ser querido é unha das perdas máis amargas que pode experimentarse, pero non é a única, hai outras perdas que tamén pode dar lugar o duelo, por exemplo o cambio forzoso de domicilio, perdas de saúde, cambio de persoas de referencia (coidadores, monitores), cambios de rutinas...

Para reflexionar sobre o duelo e os diferentes aspectos asociados ó mesmo, FADEMGA Plena inclusión Galicia, organizou a Xornada O proceso de duelo en persoas con discapacidade intelectual, na Casa das Asociacións de Cabes, en Santiago de Compostela. O xerente da Federación, Antonio Fuentetaja, inauguraba a sesión, explicando a importancia de tratar o tema do duelo na discapacidade intelectual, “que vai máis aló da perda dun ser querido, pois implica outros factores como aprender que os cambios son necesarios, e todos, teñamos ou non discapacidade, debemos adaptarnos a novas situacións, novas persoas ou novas rutinas”.

Baixo o lema "Todos somos todos", en 2016 Plena inclusión está a dedicar especial atención ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento con maiores necesidades de apoio: dificultades de comunicación, mobilidade, pluridiscapacidad, trastornos de saúde mental ou do comportamento, etc.

Entre outras accións realizaremos un estudo sobre as necesidades deste colectivo e os recursos dispoñibles, traballaremos no campo do emprego personalizado e o apoio activo, e identificaremos prácticas admirables e difundiremos historias persoais de éxito. Para as persoas que forman parte de Plena inclusión, o camiño cara á inclusión non pode nin debe ter condicionantes de ningún tipo.

As propias persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento reunidas en Madrid a finais do pasado ano no Congreso Europeo de Autogestores acordaron que: "esta é unha viaxe para todos cara á inclusión. Non podemos deixar que ninguén quede fora. Todos significa TODOS".

Un programa de actividades que favoreza a autonomía, a independencia, a toma de decisións, o compañeirismo ou a responsabilidade das persoas con discapacidade intelectual, son algún dos obxectivos primordiais que FADEMGA persegue a través do seu programa de ocio, do que cada ano se veñen beneficiando preto de 200 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia, e onde se intenta dar cabida a todos aqueles solicitantes en situación de maior desvantaxe social, económica, familiar e persoal.

En total, este ano prevese que 197 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia participen no Programa de ocio, que ofrece múltiples destinos seleccionados previamente polas propias persoas con discapacidade intelectual.

A Federación realiza reunións periódicas tanto cos usuarios como cos monitores, onde son as persoas con discapacidade intelectual, acompañadas dos seus monitores, quenes deciden as actividades e os destinos aos que queren viaxar. No que vai de ano, xa se celebraron un total de 6 viaxes (Tenerife, Sevilla, Oviedo, Salamanca, Madrid e Peñíscola) onde participaron 131 persoas e 43 monitores que os acompañaron nas actividades. Nas próximas datas celebraranse novas viaxes a Pineda de Mar, Mallorca e Gran Canaria.

Este espazo recolle todas as experiencias que as organizacións de Plena inclusión envían tradicionalmente ás distintas edicións dos Encontros de Boas Prácticas

O prazo para achegar ideas ou prácticas pechábase o 10 de abril, e o Encontro celebrarase en Córdoba os días 13 e 14 de outubro de 2016.

O pasado mes de febreiro, a confederación Plena inclusión puña en marcha "El huerto de ideas" unha plataforma virtual onde se recollen ideas e prácticas, e se valora a innovación, a cooperación e a transformación de apoios cara ás persoas con discapacidade intelectual.

O prazo para participar no Encontro finalizaba o pasado 10 de abril, e en total, inscribíronse 285 prácticas, e máis de 1300 persoas participaron a través de achegas ou comentarios. Os 12 proxectos que máis votos reciban presentaranse no congreso nacional que terá lugar os días 13 e 14 de outubro en Córdoba.

As persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento teñen unha maior predisposición a presentar enfermidades, tanto de tipo físico como mental, porque teñen hábitos de vida pouco saudables (dietas pouco equilibradas, sedentarismo, etc.), padecen enfermidades asociadas á discapacidade (epilepsia, problemas de mobilidade, etc.) ou teñen predisposición a algunas enfermidades debido a alteracións xenéticas, no caso dalgúns síndromes.

A saúde é un aspecto clave na calidade de vida, pero ter saúde non é só a ausencia de enfermidade, require ademáis certo grado de satisfacción persoal, polo que conleva un componente subxectivo. Non só nos podemos limitar ó tratamento dos problemas de saúde, senón anticiparnos os mesmos co fin de evitar a súa aparición.

As entidades do terceiro sector galego xuntámonos en Santiago esta mañá, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social). Na rolda de prensa presentouse tamén a campaña X Solidario deste ano, que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.

O presidente de EAPN-Galicia, Antonio Hernández Fernández, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro”. No caso de marcar os dous recadros os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous, pero Antonio fixo fincapé na idea de que “ é un dereito elixir que queres que se faga cos teus cartos, e non todo o mundo pon en práctica este dereito”.

O dereito á saúde recolleuse na constitución da Organización Mundial da Saúde (OMS) como "un dos dereitos fundamentais de todo ser humano sen distinción de raza, relixión, ideoloxía política ou condición económica ou social". Así mesmo, o artigo 25 da Convención da ONU sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, establece o dereito das mesmas a "gozar do máis alto nivel posible de saúde sen discriminación por motivos de discapacidade".

Con todo, moitas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento teñen características particulares que dificultan a súa correcta atención sanitaria: problemas de comunicación, alteracións de conduta, necesidade de apoio extenso ou xeneralizado, problemas de mobilidade, etc.) Por iso, no Día Mundial da Saúde, Plena inclusión incide sobre a necesidade de garantir a igualdade na cobertura sanitaria a través de medidas que favorezan o acceso deste colectivo aos servizos de saúde.

FADEMGA Plena inclusión Galicia está a organizar o I Foro de Irmáns e Cuñados de Persoas con Discapacidade intelectual. Un Foro aberto de participación onde os asistentes poderán facer aportacións e reflexións cos seus compañeiros para buscar diferentes líneas de acción.

O tema que protagonizará a xornada será "O Relevo Xeracional na Familia e a Renovación Asociativa"

O Relevo Xeracional nos coidados e apoios á persoa con discapacidade é unha das princi-pais preocupacións nas familias. Para os pais, porque non queren que sexa “unha carga” para os demais fillos. Para os irmáns, porque é unha responsabilidade importante e teñen medo de “non estar a altura”. Que podemos facer para que deixe de ser unha preocupa-ción?

No que se refire á Renovación Asociativa, este é un problema crecente nas nosas organizacións. Custa moito traballo atopar persoas dispostas e preparadas para continuar asumindo a dirección das nosas entidades. A esta dificultade temos que engadir que hai moi pouca implicación das “novas” familias que chegan, así como unha escasa participación das demais. Que dificultades hai nas asociacións para que isto aconteza? Que hai que facer para que isto cambie?

Profesionais de FADEMGA Plena inclusión Galicia, acompañados por unha persoa con discapacidade intelectual do grupo de autoxestores da Federación, participaron nunha xornada onde falaron sobre discapacidade e valores aos alumnos do Colexio La Salle.

A través desta iniciativa, FADEMGA Plena inclusión Galicia pretende sensibilizar aos máis xoves sobre a realidade das persoas con discapacidade intelectual e a importancia da súa inclusión na sociedade, valorando as persoas polo que son e non pola súa discapacidade.

O obxectivo é que os alumnos comprendan e acepten a riqueza das diferenzas dun xeito natural. A xornada forma parte do programa de achegamento á realidade, onde os alumnos teñen a oportunidade de coñecer a colectivos vulnerables que defenden os seus dereitos con forza, como o acceso ao Emprego, a inclusión social, a igualdade de oportunidades, a educación e a saúde.

Seguindo na nosa firme aposta pola promoción da lectura fácil, FADEMGA Plena inclusión Galicia organiza unha nova xornada centrada na difusión dos beneficios desta ferramenta e dos clubs de lectura fácil que están a emerxer nos últimos meses. Dita xornada terá lugar este venres, día 1, no Edificio CERSIA (Santiago).

Durante o día, presentaranse os obxectivos, beneficios e destinatarios da lectura fácil así como proxectos nos que se emprega esta metodoloxía.

A Lectura Fácil é un método de adaptación e redacción de textos, que fai accesible a información e a cultura, un dereito das persoas con dificultades de comprensión lectora, que aparece recollido na Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU do ano 2006 e que nos axuda a mellorar a accesibilidade cognitiva do entorno das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

O pasado 17 e 18 de marzo a sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia acolleu un curso sobre cambios introducidos na norma UNE ISO 9001:2015, impartido por Jorge Rivas Fernández, experto formador e consultor en ONGs de diversos ámbitos (atención a menores, persoas con discpacidade, migración, drogodependencias, sociosanitario, saúde mental, inserción sociolaboral...).

En total, 22 profesionais chegados dende as entidades de AUTISMO OURENSE, ASPAVI, AFAM PAI MENNI, JUAN XXIII, ASPANAEX, ASPRONAGA, ASPNAIS, AMICOS, CAMIÑA, ASPANANE, JUAN MARÍA, AS BURGAS, ASDEME, AFADI, NSA SRA CHAMORRO, ASPAS, AIXIÑA e APAMP participaron nesta iniciativa.

O programa de Respiro Familiar de FADEMGA Plena inclusión Galicia inicia a súa quenda de Semana Santa, co obxectivo de ofrecer unha opción para as familias que contan nos seus fogares con persoas con discapacidade intelectual.

Nesta ocasión 16 usuarios con discapacidade acudirán acompañados de 9 monitores ás instalacións do Hotel Troncoso en Sanxenxo, onde poderán gozar duns días de descanso e de actividades de lecer previamente consensuadas por todos os participantes.

O Respiro Familiar é unha iniciativa creada para axudar ás familias na súa atención ás persoas con discapacidade intelectual proporcionándolles un servizo que lles permite dispor de momentos de descanso, lecer e tempo libre. Grazas aos beneficios que achega este tipo de servizo, facilítase a permanencia na contorna familiar da persoa con discapacidade intelectual, evitando así a súa inclusión en programas de maior custo económico e social.

A Sala Terceira, Sección Cuarta, do Tribunal Supremo rexeitou o recurso que presentou a Generatitat de Catalunya contra o Real Decreto 536/2013 (de 12 de xullo) que regula as subvencións estatais destinadas á realización de programas de interese xeral con cargo á asignación do IRPF. Deste xeito, este órgano recoñece a validez deste modelo estatal de financiamento que foi defendido polas organizacións sociais articuladas ao redor da Plataforma do Terceiro Sector, entre as que se inclúen as da discapacidade, como FADEMGA Plena inclusión Galicia e a súa Confederación.

Grazas a este modelo de financiamento, 6 millóns de persoas en risco de exclusión en toda España poden ter unha maior calidade de vida. Entre elas as máis de 40.000 persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias que van ser apoiadas este ano 2016 polas organizacións de Plena inclusión a través de programas de cidadanía, inserción sociolaboral, envellecemento activo, exclusión social, voluntariado, atención a persoas reclusas e ex reclusas, apoio e respiro a familias.

O pasado 21 de novembro, tiña lugar o 21 Encontro de Familias de persoas con discapacidade intelectual, que cada ano organiza FADEMGA Plena inclusión Galicia co obxectivo de traballar en propostas de mellora que axuden a fomentar a calidade de vida do colectivo e das familias.

Froito deste Encontro, xurdiron unha serie de conclusións e compromisos que agora quedan recollidas neste documento que facemos público e que podedes descargar aquí.

Esta xornada supón un importante punto de encontro onde os familiares teñen a oportunidade de compartir as súas principais preocupacións e problemáticas do día a día, así como de intercambiar experiencias e opinións en torno á súa relación coas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. O tema condutor nesta ocasión foi “Valores de cine” e como poderedes ver no documento, as conclusións xiran entorno aos valores importantes na familia, e nas asociacións.

Preme no seguinte enlace para descargar as conclusións "VALORES DE CINE"

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia, como representantes do colectivo das persoas con discapacidade intelectual en Galicia, queremos mostrar a nosa satisfacción pola posta en marcha dunha cuota de reserva de prazas de emprego público para este colectivo, históricamente excluído do acceso ao mercado de traballo e especialmente, nas administracións públicas.

Neste ano 2016 cúmplense 10 anos desde a primeira proposta de FADEMGA á Xunta de Galicia para o establecemento de mecanismos que facilitaran a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual no acceso ao emprego público de Galicia.

Tamén celebramos o traballo que está a realizar a Dirección Xeral de Función Pública para que a Orde de Convocatoria de prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual vexa a luz hoxe no Diario Oficial de Galicia por primeira vez na historia da Comunidade Autónoma de Galicia, destacando o alto grao de implicación e coordinación desta Dirección Xeral con FADEMGA Plena inclusión Galicia, interesándose e tendo en conta as aportacións, suxerencias e outros aspectos relevantes á hora de realizar as múltiples adaptacións necesarias para garantir a operatividade e o éxito desta Convocatoria, tanto na planificación como no desenvolvemento do proxecto da mesma.

Actualmente, FADEMGA Plena inclusión Galicia está preparando a un total de 163 persoas con discapacidade intelectual, en 13 grupos distribuidos nas 4 provincias. A Federación ofrece formación onde se facilitan os temarios adaptados a lectura fácil, así como os diferentes exercicios, resolución de dúbidas e documentación relacionada, tal e como se fixo en anteriores ocasións.

- Plena inclusión alerta sobre diferentes situacións de grave discriminación que aínda sofren no noso país miles de mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento: fracaso escolar, abuso e violencia, esterilización forzosa, indefensión, falta de prevención en saúde, etc.

- Xunto a estas situacións de abuso, é significativa a falta de informes oficiais e estudos que poidan evidenciar mellor estas realidades e sirvan para porlles freo e garantir a igualdade.

A Convención da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade, -que este ano cumpre o seu 10º aniversario e que é de obrigado cumprimento para o noso Estado-, recoñece no seu artigo 6 que "as nenas e mulleres con discapacidade están suxeitas a múltiples formas de discriminación" e comprométese a adoptar medidas para asegurar que poidan gozar plenamente e en igualdade de condicións de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais".

Con todo, hoxe en día en España miles de mulleres e nenas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento seguen padecendo o dobre estigma do seu xénero e a súa discapacidade. Por iso, no Día Internacional da Muller que se celebra mañá, Plena inclusión advirte que estas situacións de discriminación están a suceder habitualmente nas esferas máis cotiás da vida destas mulleres: a saúde, a educación, o emprego, etc.

Baixo a dirección de Rosa Margarita Cacheda e Moisés Lamigueiro, Andavira Editora publicou o libro A accesibilidade dos museos: visións e perspectivas. Unha proposta de intervención en Galicia.

Neste proxecto implicouse FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración de varios profesionais e o grupo de autoxestores, así como outras moitas entidades e organizacións que apoian a persoas con discapacidade. Como sinalan os seus autores, o proxecto «é un exemplo de como podemos, desde diferentes organizacións (universidade, tecido asociativo e sector empresarial), traballar conxuntamente e posibilitar os cambios necesarios para que as contornas resulten máis inclusivos e respectuosos coas persoas, independentemente das súas circunstancias vitais e persoais (discapacidade, dependencia ou nivel cultural)».

 FADEMGA Plena inclusión Galicia traballa actualmente nas 4 provincias, formando a máis de 150 alumnos en toda Galicia de cara ás vindeiras convocatorias de oposicións.

Das 70 prazas convocadas, 6 delas irán a parar a Galicia (2 en Ourense, 2 en Pontevedra 1 en A Coruña e 1 en Lugo) Carballo, 2 de marzo.

Dende o pasado 1 de marzo, a asociación ASPABER de Carballo, acolle un novo curso de formación a persoas con discapacidade intelectual de cara a preparar as oposicións convocadas en exclusiva polo Estado, para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Nesta ocasión o grupo está formado por 13 alumnos, que se unen aos máis de 150 que FADEMGA Plena inclusión Galicia está a preparar nas catro provincias galegas.

A federación encárgase de impartir estas xornadas formativas destinadas a preparar os exames e apoiar aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude até a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso ademais de acompañalos ao lugar onde se realizarán os exames.

Seguindo na nosa firme aposta pola difusión da lectura fácil, poñemos en marcha un novo curso, centrado na creación e dinamización dos clubs de lectura fácil.

Dita formación terá lugar o vindeiro 2 de abril na sede da federación, e nel abordaranse os beneficios deste tipo de lectura, as ferramentas e materiais necesarios para a súa dinamización, así como lograr que a lectura sexa unha clave de inclusión e accesibilidade para as persoas con discapacidade intelectual.

As solicitudes deberán de enviarse vía mail a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou vía fax ao 981 51 96 51 á atención do Servizo de Fomación.

O prazo para enviar as solicitudes rematará o vindeiro 23 de marzo.

Podedes descargar tódala información así como a ficha de inscrición no seguinte enlace:  "Curso Dinamización e creación de Clubs Lectura Fácil"

A través do Boletín Oficial do Estado, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas acaba de publicar a lista de persoas admitidas e excluídas nas oposicións de emprego público para persoas con discapacidade intelectual na modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza).

Estas oposicións convocáronse co fin de cubrir 70 prazas de persoal laboral fixo en organismos oficiais da Administración do Estado en toda España (salvo Cantabria) e están especialmente dirixidas a persoas con discapacidade intelectual (que teñen unha cota obrigada do 2% nas administracións públicas).

As listaxes publicadas agora no BOE aclaran cales son as persoas solicitantes que poderán facer o exame de oposicións, que se convoca para o día 11 de xuño de 2016, ás 11:00h no Edificio Príncipal da Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid (Avenida Complutense s/n. Madrid)

A recente publicación da norma ISO 9001 na súa edición de 2015 trae unha serie de cambios, tanto estruturais como de contido, que requiren coñecemento en profundidade para poder adaptar os sistemas de xestión de calidade actuais a nova edición.

Debido a isto, FADEMGA Plena inclusión Galicia pretende que as entidades federadas coñezan a nova norma e se preparen para mellorar os seus sistemas de xestión de calidade.

Por elo, informamos que terá lugar unha acción formativa nomeada CAMBIOS INTRODUCIDOS NA NORMA UNE EN ISO 9001:2015 na sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia, o vindeiro xoves 17 de marzo en horario de 09.30h a 14.30h e de 16.00h a 18.00h.

FADEMGA Plena inclusión Galicia lanza unha nova convocatoria do curso básico de directivos da Escola de Dirixentes FEAPS EN FORMA, un programa formativo destinado a "aprender a liderar" as organizacións do movemento asociativo.

O curso terá unha duración de 40 horas, e desenvolverase entre os meses de Abril e Xuño de 2016, constando de 5 sesións formativas que se impartirán en diferentes sábados.

Os destinatarios son os membros das Xuntas Directivas das entidades federadas e o curso está deseñado para que polo menos 2 ou 3 directivos dunha mesma entidade participen como alumnos.

Esta convocatoria estará aberta tamén aos Xerentes, que poderán asistir sempre que acudan acompañados de mínimo dous directivos da súa entidade. Podería chegar a incorporarse aspirantes a membros da Xunta Directiva (neste caso, asistirán como alumnos sempre que teñan unha representación minoritaria do total de alumnos).

Xa podedes realizar a vosa inscrición na nova xornada organizada por FADEMGA Plena inclusión Galicia, esta vez centrada nos beneficios da lectura fácil para achegar todo tipo de información ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

O evento celebrarase o vindeiro 1 de abril, nas instalacións do Edificio Cersia (Santiago de Compostela), e está aberto a tódalas persoas con discapacidade intelectual, familiares, voluntarios, profesionais e cidadanía en xeral.

Tedes toda a información sobre a xornada así como a inscrición, dispoñible no seguinte enlace:

 

Profesionas de FADEMGA Plena inclusión Galicia, participan na semana educativa “Poñer corazón nas mans” que organiza a Compañía de María en Santiago de Compostela entre o 22 e o 26 de febreiro.

Alumnos de primaria, infantil, E.S.O e bacharelato asistirán a estas charlas e obradoiros que se celebran cada ano co obxectivo de sensibilizar aos máis pequenos da importancia e riqueza da diversidade. Nesta ocasión, un grupo de persoas con discapacidade intelectual traballará cos alumnos máis pequenos na creación de varios muráis sobre os dereitos das persoas con discapacidade recollidos na Convención da ONU, e explicarán a importancia da integración e de valorar a cada persoa polas súas capacidades, de cara a formar adultos implicados na diversidade e na aceptación das diferenzas de xeito natural.

Na iniciativa educativa colaboran diversas entidades do Terceiro Sector, entre elas FADEMGA Plena inclusión Galicia (Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia), ou a Asociación local de ASPAS.