FADEMGA - Plena inclusión - Galicia En marcha o proxecto de "mellora nos accesos ao emprego público"

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento na sociedade pasa pola normalización dos diferentes ámbitos da vida da persoa. Entre eles, e como piar básico, atópase a inclusión laboral.

Pero este colectivo conta cunha serie de dificultades específicas que limitan moito o seu acceso ao mercado laboral. Estas dificultades, conlevan procesos de intervención específicas, con metodoloxías adaptadas ás características propias deste colectivo e que non son respondidas de xeito efectivo por os servizos de emprego ordinarios, tanto da administración pública como de outras entidades xeralistas.

En resposta a esta situación poñemos en marcha grazas á Xunta de Galicia, o programa “Mellora nos accesos ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual do norte e sur de Galicia, a través da formación, orientación e apoios en diversos procesos selectivos”que se desenvolverá dende o 17 de outubro do 2019 ata o 23 de xuño do 2020 por medio de dous proxectos: o proxecto norte nas cidades de Santiago de Compostela, Lugo e A Coruña e o proxecto sur nas cidades de Ourense e Vigo.

Nesta formación participarán 50 persoas (23 mulleres e 27 homes) con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de Galicia.

Cales son os obxectivos destes proxectos?

O obxectivo fundamental é dotar ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, da formación necesaria para mellorar o seu acceso a función pública, así como dotar dos recursos e das ferramentas necesarias para que realicen unha busca activa de emprego, co propósito de facilitar o seu acceso ao mercado laboral privado, e a súa calidade de vida.

Entre os obxectivos específicos, cabe destacar,

1. A mellora da capacitación laboral dos participantes con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de toda Galicia.

2. Que o 90% dos participantes rematen as clases de apoio para a preparación de diversos procesos selectivos de acceso a función pública de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

3. Que o 90% dos participantes rematen o proxecto formativo.

4. Que entorno ao 75-90% dos participantes comecen un Itinerario Persoalizado de Inserción (IPI)

5. Que polo menos o 90% dos participantes adquiran un coñecemento básico para mellorar as súas posibilidades de acceso a administración pública tanto a nivel autonómico con estatal.

6. Que polo menos o 90% dos participantes melloren as súas habilidades sociolaborais.

7. Que polo menos o 90% dos participantes melloren a súa comunicación verbal, e as súas capacidades de lecto-escritura.

8. Que polo menos o 90% dos participantes adquiran competencias sociais básicas da vida diaria.

9. Que os participantes que estén participando en procesos selectivos reciban clases de apoio para a superación dos diferentes procesos selectivos nos que participen.

10. Intentar acadar a igualdade entre homes e mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento participantes na acción formativa.

11. Implicar ás familias e profesionais que prestan servizos ás persoas do noso colectivo (servizos sociais, centros educativos, centros de saúde, concellos etc.) no seu proceso formativo e de inserción laboral.

12. Sensibilizar a administración pública eo tecido empresarial galego, concienciando das posibilidades e capacidades laborais das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

Deste xeito, preténdese achegar coñecementos e recursos que melloren a empregabilidade do colectivo das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento sempre cunha metodoloxía adaptada ás características e necesidades educativas especiais do mesmo. Ademais recibirán clases de apoio para a superación do posto de ordenanza tanto da Xunta de Galicia como da Administración Xeral do Estado específicos para persoas con discapacidade intelectual.

 

Proxecto:

Mellora nos accesos ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual do norte e sur de Galicia, a través da formación, orientación e apoios en diversos procesos selectivos