FADEMGA - Plena inclusión - Galicia FADEMGA Plena inclusión inicia o proxecto de adaptación de sentenzas a lectura fácil

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A falta de tempo para explicarse, a linguaxe excesivamente técnica ou a falta dunha información clara e en termos que poidan comprender son algunhas das barreiras que se atopan as persoas con discapacidade intelectual cada vez que inician algún procedemento xudicial.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia e FADEMGA Plena inclusión Galicia, asinaban o pasado mes de decembro o Convenio para poñer en marcha este proxecto pioneiro na nosa comunidade que agora é unha realidade, e mediante o cal se adaptarán as sentenzas que afectan a personas con discapacidade intelectual e persoas con maiores problemas de comprensión a lectura fácil.

Un proxecto piloto na nosa comunidade que comezará a desenvolverse no Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago de Compostela. En palabras de Eladio Fernández, presidente da Federación, “A patir de agora, tódolos galegos e galegas con e sen discapacidade intelectual, contarán coas mesmas oportunidades para interpretar a realidade e actuar en consecuencia, de forma autónoma e libre.

O acceso á información, é vital para que esto sexa posible” Con este proxecto de adaptación de sentenzas e de información xurídica, Galicia únese a outras comunidades como Asturias (pioneira na implantación desta medida), Andalucia ou La Rioja, que veñen de incorporar a lectura fácil ao ámbito xurídico.

:: A lectura fácil

A Lectura Fácil forma parte dunha idea máis ampla de accesibilidade cognitiva, destinada a que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan acceder á información e á comprensión da súa contorna.

Na actualidade hai unha gran multiplicidade de iniciativas onde FADEMGA Plena inclusión colabora como son proxectos na contorna xornalística (con revistas en Lectura Fácil), cultural (información de museos, obras de teatro, adaptación de novelas e clubs de lectura) e tamén do ámbito social (publicacións sobre prevención da violencia de xénero) e sanitario (información ao paciente).

:: Linguaxe fácil, non infantil nin simplista

As normas básicas da Lectura Fácil consisten en usar oracións simples e curtas, coa estrutura de suxeito+verbo+complemento, escribir de modo directo, limitar o número de ideas, dar preferencia á voz activa sobre a pasiva e recorrer sempre ao mesmo sinónimo. Igualmente, evitanse os tecnicismos, a linguaxe figurada, os tempos verbais do subxuntivo e o condicional, as oracións impersonais e complexas, as abreviaturas e siglas, o punto e coma, os puntos suspensivos e os incisos que rompen a continuidade.