FADEMGA - Plena inclusión - Galicia A Xunta pon en marcha o modelo de emprego e formación dual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O Goberno galego acaba de activar o novo programa de formación dual destinado a persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de impulsar a súa inclusión laboral a través da cualificación e a experiencia profesional: un cambio na visión do centro ocupacional, flexibilizando o paso do centro ao emprego mediante a formación dual.

A colaboración e o traballo conxunto entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Federación FADEMGA Plena inclusion Galicia, e asociacións como JUAN XXIII, ACEESCA ou ASPABER entre outras, fan posible que por fin sexa unha realidade na nosa comunidade esta experiencia piloto que marcará o camiño futuro para moitas outras entidades da discapacidade intelectual na nosa comunidade.

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández Pérez, destaca a forte aposta que FADEMGA Plena inclusión fixo desde o principio por esta metodoloxía “que pode facilitar a igualdade de oportunidades formativas e laborais das persoas con discapacidade intelectual en Galicia e con outros colectivos. Un modelo que xa está a funcionar con éxito nas Illas Baleares, a través da Entidade AMADIP- ESMENT, que está a comezar a implantarse noutras Comunidades e que esperamos poida ter o mesmo impacto en Galicia”.

:: O novo modelo de ocupación - emprego e formación dual

FADEMGA Plena inclusion Galicia vén apostando por este novo modelo de emprego e formación desde o ano 2015, cando a Federación da man de JUAN XXIII e da entidade balear de AMADIP ESMENT comezou a traballar na posta en marcha do proxecto.

Dous anos despois, FADEMGA organizaba unha primeira xornada de aproximación, na que participaban directivos, xerentes e profesionais de 27 entidades da discapacidade intelectual galega, así como profesionais da Administración e de AMADIP ESMENT.

Este novo modelo, xa foi asumido pola patronal do sector “AEDIS” e oriéntase cara a unha mellora da cualificación das persoas con discapacidade intelectual, apuntando cara a un sistema flexible, vinculado ao sistema educativo, e que expón unha avaliación contínua das circunstancias da persoa, con mecanismos de tránsito ou retorno entre servizos.