FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Participamos na xornada ‘O impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade en Galicia’

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Varios técnicos do Servizo de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia, participaron na tarde de onte na xornada ‘O impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade en Galicia’, organizada polo CERMI autonómico, onde tamén participaron representantes políticos, así como representantes doutras entidades do terceiro sector galego.

Durante o encontro, tivemos a oportunidade de intercambiar ideas para avanzar na inclusión laboral das persoas con discapacidade, así como fomentar e dar a coñecer as demandas máis comúns en materia de emprego no sector da discapacidade intelectual.

O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, falou da importancia de “lograr a plena inclusión das persoas con discapacidade” en Galicia e a traxectoria do Comité en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade.

Tras un debate entre asistentes, participantes e o equipo da Secretaría Xeral do Emprego, o presidente do CERMI Galicia sintetizou as principais demandas das diferentes entidades integradas no Comité para alcanzar a inclusión laboral das persoas con discapacidade con itinerarios personalizados e campañas de sensibilización ás pequenas e medianas empresas.

Para pechar a xornada, o conselleiro Francisco Conde puxo en valor que “Galicia é a comunidade que tivo un maior volume de contratación de persoas con discapacidade nos últimos anos, cun crecemento do 75%, ata situala en 25.100 empregados”, aínda que defendeu que “hai que seguir traballando nesta área”.

:: O servizo de emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia

O Servizo de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia conta na actualidade con 20 anos de experiencia desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como dando apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.

Trátase dun Servizo promocionado pola Conselleria de Economía, Emprego e Industria que ofrece uns apoios integrais que abarcan -ademáis do fomento do emprego- actuacións orientadas á formación para o emprego así como información e orientación laboral, e apoios adaptados a cada persoa para facilitar o acceso ao mercado laboral.