Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Baixo o lema "Cada familia importa", Plena inclusión está a celebrar en 2018 o seu Ano das Familias, un ano no que quere mostrar diferentes situacións que viven as familias de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento no noso país.

Como parte desta iniciativa, e con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, varios familiares de persoas con discapacidade intelectual amosan algunhas realidades non moi coñecidas de como é o seu día a día: casos como o de Teresa, Tomás e Rafael, un matrimonio de Valencia e o seu fillo con grandes necesidades de apoio, que tratan de vivir unha vida normalizada. Tamén a de Pilar, unha aragonesa con discapacidade intelectual que é nai e avoa; ou a de Marisa, que trata de que a súa irmá Raquel leve unha vida o máis autónoma posible…

Xunto a iso, a semana pasada presentábase o “Estudo sobre as prestacións que reciben as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias”, e a compatibilidade das mesmas con outros ingresos e o ámbito fiscal.

O Estudo analiza e fai unha serie de propostas para mellorar unha situación que está a manter a moitas persoas con discapacidade intelectual e as súas familias no limiar da pobreza, unha realidade que está a bloquear opcións de inclusión, por exemplo no ámbito laboral.

Coas propostas incluídas neste estudo, tamén estamos a difundir unha Carta ao Presidente do Goberno na que reivindicamos uns ingresos dignos para estas persoas e as súas familias, e en cuxa firma estamos a pedir apoio a toda a cidadanía.