Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Xa tedes dispoñible a documentación necesaria para solicitar o Programa de respiro familiar 2018 destinado a proporcionar medios facilitadores para que a s familias de persoas con discapacidade intelectual podan afrontar o seu día a día, ofrecéndolles unhas xornadas de reposo e tranquilidade.

Entre os beneficios que aporta este tipo de servizo, cabe destacar o feito de que facilita a permanencia no entorno familiar da persoa con discapacidade intelectual, evitando así a súa inclusión en programas de maior custe económico e social.
 
O Programa tamén prevé situacións de crise familiar ou persoal, favorece dinámicas familiares e de parella normalizadas, e evita o desarraigo e deterioro das familias, favorecendo a integración no medio e a solidariedade cidadá para coas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

 
 
 
 
 
 
:: Solicitude de Transporte Adaptado
 
O Servizo de Transporte Adaptado é un servizo público autonómico de carácter social que achega ás persoas con discapacidade e/ou dependentes a programas, centros ou servizos, en condicións de máxima seguranza, cos medios necesarios e coa presenza dun/dunha monitor/a acompañante.
 
Calquera persoa que teña recoñecida a condición de persoa usuaria pode solicitar este servizo.
 
Preme nos seguintes enlaces para acceder a tódala información sobre o servizo e solicitude:
 
 

Un dos nosos cometidos máis importantes é apoiar ás familias de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Os familiares soen ser o principal apoio natural co que contan as persoas con discapacidade e facilitan a súa inclusión na sociedade. Para conseguilo, ofrecemos unha serie de actividades e servizos dirixidos ás familias.

ACTIVIDADES E SERVIZOS PARA AS FAMILIAS:

Información, orientación e asesoramento familiar. Procuramos dar resposta ás consultas e dúbidas formuladas polas familias naqueles aspectos que o precisen. Ofrecemos tamén un Servizo de Asesoría Xurídica a través de consultas individuais e de charlas xurídicas.

Apoio emocional. Apoiamos a creación de grupos de apoio de familiares nas organizacións. Son grupos formados por nais, pais, irmáns, avós (ou calquera outro tipo de familiar interesado) que se reúnen periodicamente para compartir experiencias, sentimentos, e que puntualmente poden recibir a charla dun experto sobre algunha materia que lles interese. Actualmente na Federación contamos cun grupo de irmáns e cuñados de persoas con discapacidade intelectual que participa activamente na organización de actividades dirixidas a familiares.

Dinamización. Para dinamizar e activar as organizacións que apoian ás familias de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento organizamos e facilitamos a súa participación en charlas, encontros, obradoiros e outro tipo de actividades (congresos, foros, etc.) a nivel local, autonómico e estatal. Deste xeito os familiares poden expoñer e compartir temas do seu interese: a educación, a saúde, os recursos e servizos aos que poden acudir, as emocións, o futuro, etc.

Formación. Ofrecemos talleres monográficos ou accións formativas puntuais demandadas polas familias sobre distintas temáticas: autodeterminación, calidade de vida persoal e familiar, ética, emocións,...

Respiro Familiar. É un servizo dirixido aos familiares-coidadores a través do cal nos ocupamos temporalmente da atención da persoa con discapacidade.

Actualmente existen 3 modalidades:

        - Estancias longas, medias ou de fin de semana en quendas programadas. Existen varias quendas ao longo do ano e realízanse en instalacións comunitarias.

      - Estancias sen aloxamento. Esta modalidade ofrecémola cando a Federación organiza unha actividade dirixida ás familias. A atención prestámola durante as horas que dura a actividade (por exemplo durante os encontros ou xornadas de familias).

        - Apoios puntuais (canguros). A atención realízase no domicilio familiar ou no hospital.

Fondo documental. Promovemos a publicación de documentos de interese para ás familias, como a Guía Xurídica (manual para os titores), e tamén temos unha biblioteca con materiais e libros aos que poden acceder os familiares interesados. Para dar a coñecer todas estas actividades utilizamos a nosa revista INFO XXI, as nosas redes sociais (Facebook e twitter) e a páxina web.

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia continuamos un ano máis co Servizo de Asesoría Xurídica, orientado a informar e aconsellar ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias nas dúbidas de carácter legal e xurídico que podan ter en temas como as tutelas, as herdanzas, o patrimonio protexido, dereito ao voto etc.

Dentro deste servizo, a federación ofrece dúas modalidades: 

a) As charlas xurídicas: Coas charlas xurídicas pretendemos achegar temas xurídicos de relevancia dun xeito ameno e próximo ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias


b) As consultas individuais: estas consultas están pensadas para resolver dúbidas persoais tanto das propias persoas con discapacidade intelectual como das súas familias.
 

DATAS E PROVINCIAS DA ATENCIÓN DAS CONSULTAS INDIVIDUAIS PARA O 2018

Nos seguintes enlaces podes descargar tódala información sobre o Servizo de Asesoría Xurídica:

Información xeral sobre a Asesoría Xurídica

Fichas de solicitude de consultas individuais e charlas xurídicas