Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

ATENCIÓN A PERSOAS CON NECESIDADES COMPLEXAS

 

O novo Programa de Atención a Persoas con Necesidades Complexas continuará apoiando ás persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento e ás súas familias. Farao a través da área de Apoio e orientación no Proceso de Envellecemento.Ten como obxectivos:

- Dotar ás entidades de ferramentas e recursos para dar resposta ás necesidades e demandas deste colectivo, do que forman parte un amplo e crecente número dos nosos usuarios.

- Mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento e das súas familias, a través de diferentes tipos de actuacións (actividades de estimulación cognitiva, actividades de motricidade ou mobilidade, sesións de participación na comunidade a través do uso dos seus recursos, apoio e asesoramento as familias, etc.).

As entidades que, ata o momento, participaron no programa, foron: ASPAS (Santiago), ACEESCA (Porriño),  ASPRONAGA (A Coruña), AMICOS (Ribeira) e JUAN XXIII (Pontevedra e Cangas). Atendéronse a un total de 66 persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento e 44 familiares.

IMPORTANTE: Con este Programa damos un apoio puntual (a través da intervención dun profesional da Federación durante 1 ano) ás entidades, para que poidan impulsar e implantar nos seus servizos a atención as persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento. Tras este apoio puntual a Federación retirarase para que a entidade asuma as accións e intervencións do  Programa como propias, dando respostas máis axeitadas ás persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.
 
Para a posta en marcha deste Programa é necesario que a entidade beneficiaria considere o proceso de envellecemento unha realidade que afecta ademais da propia persoa con discapacidade intelectual, ás súas familias e ós profesionais que desenvolven a súa labor con este colectivo; é unha necesidade social en crecemento á que debe darse resposta.

Co obxectivo de comezar a atender ou mellorar as necesidades específicas deste colectivo (persoas con discapacidade intelectual maiores de 45 anos en proceso de envellecemento), un profesional da Federación apoiará a intervención  desprazándose a entidade beneficiaria co propósito

de realizar, conxuntamente cos profesionais da mesma:

-    Xuntanzas para: detección de necesidades dos participantes, programación de actividades ou actuacións acordes a esas necesidades, seguimento e avaliación (non se trata de sustituír ós profesionais da entidade, senón de implementar).

-    Accións, individuais ou grupais, cos usuarios/as do programa, orientadas ó desenvolvemento da súa autonomía social e persoal.

-    Actividades coas familias, encamiñadas a informar, orientar e asesorar sobre o proceso de envellecemento.

NOTA: Para a realización das diferentes accións enmarcadas neste Programa pode ser necesario que a Entidade teña que colaborar coa Federación á hora de asumir posibles gastos ocasionados, en concepto de desprazamentos ou actividades, se a partida do Ministerio non é suficiente para facer fronte ós mesmos.

Unha vez finalizada a fase de posta en marcha, que se desenvolverá durante o ano 2013, a Federación retírase, para que sexa a propia entidade quen asuma o programa como unha actividade propia, integrado na dinámica do propio centro, aínda que  contará co  seu asesoramento cando o considere necesario. De forma puntual algún dos profesionais da Federación poderá acudir a entidade para facer un seguimento, ou solicitará informes relativos ás actividades que se están levando a cabo.

A Entidade solicitante deberá comprometerse a:


- Traballar conxuntamente co profesional da Federación.
- Manter a continuidade do programa independentemente da financiación de FEAPS durante anos posteriores.
- Organizar reunións informativas coas familias, a lo menos das persoas beneficiarias; unha inicial para explicar en que consiste o Programa, unha intermedia de seguimento e outra final para explicar os resultados acadados.
- Difundir o Programa indicando que se trata dun proxecto do movemento asociativo de FEAPS e FADEMGA FEAPS-GALICIA, subvencionado polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, sendo necesario incluír os logos destas tres entidades en todo o material elaborado (carteis, noticias, etc).

As entidades interesadas en solicitar o Programa “Envellecemento” deberán presentar, debidamente cumprimentada, a seguinte documentación:


- Ficha de solicitude de Apoio e Orientación no Proceso de Envellecemento 2013.


- Certificado de non participar noutra subvención a cargo do IRPF para persoas con discapacidade
(fóra do entorno FEAPS). É necesario enviar o orixinal firmado co selo da entidade.

 

PRAZO: as solicitudes deberán estar na Federación o  5 de febreiro do 2013.


Podedes enviar as vosas solicitudes a:

- Correo postal: Vía Pasteur 53 – A, Polígono do Tambre. 15890. Santiago de Compostela.
- E-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
- Fax: 981 519 651
 

CRITERIOS A TER EN CONTA PARA A CONCESIÓN DO PROGRAMA:

- Valoración da Ficha de Solicitude do Programa de Envellecemento 2013. É obrigatorio cumprimentar todos os puntos que se solicitan na Ficha.

- Certificado cuberto de non participar noutra subvención con cargo ó IRPF, contemplada fora do entorno FEAPS (co selo da entidade e firma do representante legal da mesma).

- Información sobre a poboación atendida por rango de idade.

- Outras accións realizadas pola entidade encamiñadas a dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.

- Anos anteriores nos que a entidade solicitou este programa.

- Compromiso por parte da entidade, unha vez rematada a intervención por parte da Federación, de continuar co desenvolvemento  do programa.

- Grao de implicación coa Federación.

- Priorizarase a solicitude daquelas entidades que ata o momento non se beneficiaron do Programa, así como aquelas que contemplen accións coas familias.


Unha vez revisadas as solicitudes, comunicarase a todas entidades que solicitaron o Programa, o nome da Entidade que finalmente será beneficiaria do mesmo para o ano 2013.

Tras a resolución, a entidade beneficiaria deberá presentar a Ficha de datos das persoas que participarán no Programa (o número de beneficiarios será como mínimo de 12). No caso de que o perfil ou número de beneficiarios non se axuste ós establecidos nesta convocatoria, ou non se cumprimente de forma axeitada, a Federación poderá tomar a decisión de conceder o Programa a outra das entidades solicitantes.  

Previamente a posta en marcha do Programa, é imprescindible, que se reúnan, o xerente e profesionais de FADEMGA FEAPS-GALICIA e algún membro da xunta directiva e profesionais da entidade beneficiaria, para o análise do Convenio de colaboración, e a súa firma por parte dos presidentes.
 

  _____________________________________________________


  

logofeaps.png