Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Santiago, Dona Concha Fernández, o Asesor de Programas educativos da Consellería de Educación D. Manuel Costa, e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia D. Eladio Fernández, inauguraron esta mañá o 17 Encontro Autonómico de Autoxestores, dous días onde 130 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia falarán sobre vida independente e autonomía, e coa que este ano celebran o Día Internacional da Discapacidade, que se conmemora este domingo día 3.

Durante a inauguración, a Conselleira de políticas sociais do Concello de Santiago, Doña Concha Fernández, destacou a importancia da temática elixida polo propios autoxestores “falaredes sobre vida independente e tamén poderedes asistir a relatorios sobre a prevención do abuso e da violencia. Temas moi importantes para todos nós e sobre os que debemos poñer o foco e visibilizar máis, non só no ámbito da discapacidade, senón en tódolos ámbitos sociais” Pola súa banda, o presidente da Federación, Eladio Fernández, quixo destacar que a discapacidade “non pode ter dedicado un único día ao ano, senón que debemos falar dela os 365 días do ano. É a obriga de todos defender os dereitos dos nosos familiares e visibilizar ao colectivo”.

A vida independente foi o tema escollido polos grupos para protagonizar o Encontro autonómico deste ano. A través de relatorios sobre vivendas tuteladas para persoas con máis necesidades de apoio e de experiencias en primeira persoa de usuarios que xa viven de maneira independente, os grupos de autoxestores puideron achegarse a esta realidade, un dereito que aparece recollido na Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade “estas persoas teñen dereito a vivir de maneira independente, a ser incluídos na sociedade, a elixir onde e con quen vivir, e a ter acceso a servizos de apoio no fogar, en residencias e na comunidade”.

:: Os grupos de autoxestores

Os grupos de autoxestores están formados por persoas con discapacidade intelectual con certo nivel de autonomía, que precisan apoios de tipo intermitente e limitado nas áreas de comunicación, habilidades sociais, ou inclusión na comunidade. O obxectivo destes grupos é promover a autoxestión e autodeterminación das persoas con discapacidade intelectual. Para elo, FADEMGA Plena inclusión Galicia ofrece espazos como este Encontro Autonómico, a través do cal os grupos poden expresarse e manifestar as súas necesidades e desexos, para oír e ser escoitados, un espazo de participación no que os verdadeiros protagonistas son as persoas con discapacidade intelectual.