FADEMGA - Plena inclusión - Galicia A patronal AEDIS presenta en Galicia o seu novo modelo de ocupación-emprego e formación dual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Representantes de 27 entidades da discapacidade intelectual galegas asistiron esta mañá a presentación do novo "Modelo de ocupación - emprego e formación dual da patronal AEDIS", unha metodoloxía que propón un cambio na visión do centro ocupacional, flexibilizando o paso do centro ao emprego mediante a formación dual (formación e práctica).

O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria D Francisco Conde López, o Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, D. José Alfonso Marnotes González, a Subdirectora Xeral de Recursos, Residencias e Atención Diúrna da Conselleria de Política Social Dona Mª do Mar Ferreiro Broz, e a Subdirectora Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación Dona Maria Eugenia Pérez Fernández, foron algunhas das autoridades que nos quixeron acompañar na presentación deste novo modelo, na que tamén contamos co Presidente da Patronal AEDIS, Don Bernabé Blanco Lara, así como co xerente de Amadip Esment D. Fernando Rey Maquieira e con técnicos desta entidade e de Plena inclusió Balears.

O presidente da Patronal AEDIS destacaba durante a inauguración “a importancia de celebrar xornadas desta envergadura. Unhas xornadas nas que se aposta por un modelo que pretende superar as grandes taxas de desemprego do colectivo, a baixa cualificación profesional e o problema dos centros ocupacionais que non cumpren os obxectivos que todos pretendemos. Estar aquí todos da man, Federación, asociacións, unha patronal estatal… e que esté aquí a Administracion con representación da Consellería de Economía de Emprego e Industria, da Consellería de Educación e da Consellería de Política Social é algo moi importante para nós”

Pola súa banda, o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria D Francisco Conde López destacou que nos diriximos a un novo contexto laboral, “a economía evoluciona moi rápido, e nos últimos anos están a aparecer novos perfís profesionais que requiren de habilidades que antes non se precisaban. Ante esta realidade temos que reaccionar. Este é un dos motivos que fai que a formación dual adquira un maior protagonismo e por iso temos que seguir traballando dende a Administración, coa Federación, as asociacións e implicando tamén ao tecido empresarial”.

:: O novo modelo de ocupación – emprego e formación dual

Durante a xornada, técnicos de Amadip-Esment explicaron este novo modelo de emprego e formación, incidindo en que se trata dunha mellora da cualificación das persoas con discapacidade intelectual, apuntando cara a un sistema flexible, vinculado ao sistema educativo, orientado á avaliación continua das circunstancias da persoa e con mecanismos de tránsito ou retorno entre servizos.

Entre outros principios, o modelo aposta por:

1. Itinerario individual. O itinerario de cada persoa elabórase atendendo as súas necesidades de formación e inserción laboral sen prexuízo dos apoios que precise, que formarán parte do mesmo.

2. Máis cualificación, mellor emprego. A formación dual, dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade, preséntase como alternativa nova e eficaz para a cualificación das persoas con discapacidade intelectual e como garantía da consecución dun emprego de calidade.

3. Seguridade: dereito de retorno. Deseño dun itinerario de dobre vía de circulación que asegure o dereito de retorno para aqueles traballadores con discapacidade cuxa transición fracase.

4. Flexibilidade de recursos. Adaptación ás necesidades que en cada momento a persoa requira, propondo a existencia de sistemas mixtos onde conflúan recursos sociais e de emprego.

5. Enfoque social. O modelo debe responder tanto as necesidades de emprego da persoa como ter en conta os seus aspectos persoais e sociais.

 

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia Eladio Fernández Pérez, destacou que a Federación aposta forte por esta nova metodoloxía, “que pode facilitar a igualdade de oportunidades formativas e laborais das persoas con discapacidade intelectual en Galicia. Un modelo que xa está a funcionar con éxito nas Illas Baleares, a través da Entidade AMADIP-ESMENT, e que esperamos poda ter o mesmo impacto na nosa Comunidade”

 

*Descarga aquí o Monográfico de AEDIS "Modelo de ocupación e emprego para persoas con discapacidade inteletual"