FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Participamos no encontro “Construimos Mundo” para falar sobre a participación social das persoas con discapacidade intelectual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Autoxestores das entidades Juan XXIII e ACEESCA, participarán dende mañá no encontro “Construimos Mundo”, ao que acudirán acompañados de 2 persoas de apoio. Este encontro é a resposta de Plena inclusión ás peticións que naceron no ano 2012 co Manifesto pola Plena Cidadanía e despois, no 2013, co Manifesto pola participación. En ambos, persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de toda España instaban á sociedade e ao Movemento Asociativo Plena inclusión a que se lles dese a oportunidade de participar na toma de decisións das súas entidades.

O pasado ano celebráronse catro encontros do proxecto “Construímos Mundo” en León, Toledo, Zaragoza e Sevilla, que serviron para que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento puidesen compartir reflexións, experiencias e propostas de futuro. Agora celébrase esta cita a nivel nacional, na que participaremos dende Galicia xunto a outras 49 persoas con discapacidade intelectual de 16 comunidades autónomas.

O primeiro día de celebración deste Encontro, traballarase sobre catro temas elixidos polos autoxestores e que serán: Igualdade de Oportunidades, Educación, Emprego e Vida Independente.

Na segunda xornada, que se celebrará na sede da Secretaría de Estado de Servizos Sociais, catro portavoces dos asistentes presentarán as reivindicacións xurdidas no Encontro a parlamentarios das Comisións de Políticas Integrais para a Discapacidade do Congreso e Senado, que asistirán a escoitarlles primeiro, e a debater e reflexionar posteriormente.

Esperamos que desta cita xurdan compromisos políticos, e que cada un dos representantes políticos presentes, con obrigacións públicas en materia de discapacidade, leven o encargo de traballar cos seus grupos parlamentarios sobre estas peticións.