FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Unha vida independente para persoas con discapacidade intelectual é posible

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O programa de apoio para a vida independente, naceu co obxectivo de prestar apoios individualizados ás persoas con discapacidade intelectual para que estas poidan conseguir as súas metas ou desexos, permitindo así mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias dunha forma inclusiva e na súa contorna comunitaria.

En FADEMGA Plena inclusión Galicia puxemos en marcha unha nova edición deste programa, do que xa forman parte 11 persoas con discapacidade intelectual, usuarias do servizo de emprego da federación en Ourense. O obxectivo principal desta actividade (da que cada ano se benefician usuarios de diferentes entidades galegas) é que todos os participantes consigan unha maior autodeterminación, e gañen progresivamente un maior control sobre as súas vidas e na súa contorna habitual, o que lles achegará unha maior igualdade de oportunidades.

 Como o facemos?

A través de diferentes sesións de apoio, os usuarios reciben axuda e asesoramento en diferentes facetas da vida cotiá como planificar obxectivos, organizar tarefas domésticas, utilizar servizos bancarios, administrar o diñeiro, empregar o transporte público, ou coñecer os beneficios e a importancia dunha alimentación saudable.

As actividades de apoio á vida independente celébranse unha vez por semana grazas ao financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través da casa de interese social que as persoas marcan na súa declaración da Renda (X Solidaria) enmarcándose dentro do Programa de Cidadanía Activa da federación.