FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Persoas con discapacidade intelectual examínanse mañá nas probas de “competencias clave”: unha porta cara ao emprego

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

46 persoas con discapacidade intelectual das provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense participarán este martes nas probas de Competencias Clave que terán lugar na sede de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Estas persoas son usuarios do servizo de Emprego de FADEMGA, así como das asociacións federadas de ASPRONAGA (A Coruña), ASPABER (Carballo), ASPAVI (Pazos de Borbén), ASPANAEX (Vigo) e do Centro JUAN MARÍA (Nigrán). Acadar estas competencias permitiríalles poder realizar cursos para parados promovidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ditas probas tamén estarán adaptadas para garantir a igualdade de oportunidades do noso colectivo, como por exemplo: letra máis grande, ampliación de tempo, instrucións por escrito, texto redactado en lectura fácil..... Ademais, as áreas de Emprego e Formación da federación facilitaron formación aos alumnos, co fin de que estes puideran afrontar a proba coa preparación necesaria.

:: A importancia das Competencias Clave

As Competencias Clave aseguran ás persoas con discapacidade intelectual adquirir os coñecementos necesarios para facer cursos de formación obtendo Certificados de Profesionalidade, (xa que para poder acceder a determinados certificados deben ter acadadas as Competencias Clave ou a ESO).

Estas competencias comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas do coñecemento, segundo as necesidades ou esixencias de cada certificado de profesionalidade das formacións para desempregados. Está previsto que nas vindeiras convocatorias, FADEMGA Plena inclusión Galicia continúe coa súa colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria para a realización destas probas de xeito adaptado.