FADEMGA - Plena inclusión - Galicia Trasladámoslle ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza a necesidade de crear un protocolo de atención para as persoas con discapacidade intelectual

  Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, D. Eladio Fernández, e o xerente da federación D. Antonio Fuentetaja, reuníronse este martes co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. Miguel Ángel Cadenas, para propoñer a elaboración dun protocolo que permita garantir, de forma axeitada, o acceso real das persoas con discapacidade intelectual á administración da Xustiza, tratando así de reducir os posibles trastornos condutuais que estes procedementos xudiciais lles puidesen acarrexar.

As persoas con discapacidade intelectual vense sometidas a procedementos de modificación da súa capacidade polos distintos órganos xudiciais que conlevan medios probatorios, exames, recoñecementos forenses… o que fai que teñan que desprazarse continuamente. Isto supón un gran trastorno e un quebrantamento a nivel condutual nas persoas con discapacidade intelectual e con outros trastornos asociados.

Igualmente FADEMGA Plena inclusión Galicia é coñecedora doutras actuacións que perxudican gravemente ao noso colectivo de atención, por ser prácticas que non contribúen á hora de examinar correctamente ás persoas inmersas nun procedemento xudicial. Exemplo delo, é que, actualmente, un 69,7% de persoas con discapacidade intelectual que se atopan cumprindo condena en centros penitenciarios, non están diagnosticadas, existindo unha gran falta de protocolos específicos e de formación nestas cuestións dos profesionais que interveñen nos procesos.

A detección nas primeiras fases do procedemento son moi importantes, xa que de producirse pódense establecer os apoios que a persoa precise. Esta situación provoca que as persoas con discapacidade intelectual non teñan un correcto acceso á xustiza, vulnerándose os seus dereitos recollidos na Convención Internacional das Nacións Unidas sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade, unha Convención ratificada por España e integrada no nosos ordenamento xurídico.