Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 
O II Encontro Nacional de Boas Prácticas en Lectura Fácil "Letras para todos", acaba de seleccionar "O efecto multiplicador da Lectura Fácil", de FADEMGA Plena inclusión Galicia, como Boa Práctica para o Encontro que terá lugar os próximos 20 e 21 de novembro na Casa do Lector (Madrid).
 
Xunto a esta Boa Práctica de FADEMGA, tamén foron seleccionados os traballos “Adaptación do curso prevención de abusos” do Cooperativa Altavoz (Madrid), “Guía Básica sobre Violencia contra as Mulleres” de ASPRODEMA (La Rioja), “A gran aventura de Miguel Strogoff” da Asociación Frei Serafín Madrid Soriano (Castilla la Mancha), “O amor complicado cóntocho fácil” da Fundación AMÁS Social (Madrid) e “Teresa de Ávila, a súa vida en Lectura Fácil” da Fundación San Cebrián (Castela e León).
 
Este recoñecemento supón un importante respaldo á firme aposta que FADEMGA Plena inclusión Galicia está a facer para promover o uso da lectura fácil entre as súas entidades, a través da organización de cursos, a elaboración de novos materiais adaptados e o apoio a novas iniciativas como a creación dunha Biblioteca con libros en lectura fácil e libros de pictogramas, (accesible a través da nosa web e á que poden acceder asociacións e persoas interesadas) ou a adaptación de documentos e convocatorias dirixidas a persoas con discapacidade, como a convocatoria de Viaxes do IMSERSO, a información do Servizo de Emprego, dípticos sobre drogas, materiais dos Talleres de Promoción de Vida Independente….
 
:: O Encontro Letras para todos
 
O encontro “Letras para todos” nacía o pasado ano co obxectivo de promocionar a elaboración de contidos en lectura fácil. O acceso á información e á cultura é unha das barreiras máis importantes que se atopan as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e outras moitas con dificultades de comprensión. E a lectura é a chave para ese acceso, que resulta fundamental para a inclusión destas persoas como cidadás de pleno dereito.
 
A través de exemplos prácticos e positivos, o II Encontro “Letras para todos” converteuse nunha importante plataforma para seguir avanzando no ámbito da accesibilidade cognitiva e centrarse nas súas posibilidades como método de acceso á cultura para moitos colectivos e persoas. O evento está organizado por Plena inclusión, Cooperativa Altavoz, Dilofácil e Factoría de Arte e Desenvolvemento, co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Fundación Germán Sánchez Ruipérez e Casa do Lector.