Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 O programa de “Atención Integral a persoas reclusas e exreclusas con discapacidade intelectual” continúa co seu proxecto de saídas terapéuticas, destinadas a mellorar as condicións dun colectivo tan vulnerable como o das persoas con discapacidade intelectual que se atopan en diferentes centros penitenciarios galegos.
 
Nesta ocasión, usuarios do programa dos centros de Pereiro de Aguiar e A Lama, achegáronse ata Tui nunha saída conxunta que incluíu actividades deportivas no río Miño, onde os participantes puideron realizar un descenso en Kayak desde Caldelas a Tui.
 
Esta saída ten como obxectivo a posta en práctica, nun contexto normalizado, de distintas habilidades traballadas no programa como capacidades sociais, manexo do euro ou toma de decisións, ao tempo que se achegan novamente á sociedade e coñecen novas actividades de ocio saudable.
 

:: Un programa orientado á reinserción social

Saídas terapéuticas coma esta completan un programa de actividades que os profesionais da FADEMGA Plena inclusión Galicia desenvolven cada semana nos Centros Penitenciarios de Teixeiro (Curtis), A Lama (Pontevedra) e Pereiro de Aguiar (Ourense).

O programa, implantado en Galicia desde o 2002 e levado a cabo por FADEMGA Plena inclusión, ofrece apoios individualizados ás persoas con discapacidade intelectual que están cumprindo unha pena de prisión, fortalecendo distintas áreas que contribúen á mellora da súa calidade de vida e son unha ferramenta indispensable á hora da reinserción destas persoas.

Este programa está financiado polo Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade e pretende dar unha resposta ás necesidades do colectivo co que traballa FADEMGA Plena inclusión en Galicia