Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 A entidade de ASPADISI, o Concello de Carballiño e FADEMGA FEAPS GALICIA, presentaron o pasado venres o programa de Promoción da Vida Independente posto en marcha pola Federación. 
 
Trátase dun programa que da as ferramentas e capacita ás persoas adultas con discapacidade intelectual para que tomen as súas propias decisións e conten cos coñecementos necesarios para poñelas en práctica de maneira autónoma.
 
O obxectivo final do programa de Promoción da Vida Independente é que estas persoas consigan unha maior autodeterminación, e gañen progresivamente un maior control sobre as súas vidas e na súa contorna habitual, o que lles aportará unha maior igualdade de oportunidades.
 
Nesta ocasión, 13 usuarios da entidade ASPADISI están a recibir estes apoios a través dun profesional da Federación, que lles presta axuda e asesoramento en diferentes facetas da vida cotiá como elaborar listas da compra, realizar ingresos en entidades bancarias, administrar o diñeiro, empregar o transporte público para desprazarse pola cidade, ou coñecer os beneficios e a importancia dunha alimentación saudable.
 
Todas estas tarefas, destinadas a fomentar a independencia dos usuarios, poñeranse en práctica na vivenda cedida polo Concello de Carballiño. As actividades de apoio á vida independente iniciáronse no mes de abril (previa presentación a familiares e usuarios do Programa), e está previsto que as sesións, que se celebran unha vez por semana, rematen en decembro.
 
As actividades de Promoción da Vida Independente enmárcanse dentro do Programa de Cidadanía Activa, financiado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través do recadro de interese social que as persoas marca na súa declaración da Renda (X Solidaria).