Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 44 persoas con discapacidade intelectual das provincias de A Coruña e Pontevedra, examináronse das probas de Competencias Clave na sede da Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA FEAPS GALICIA) Estas persoas son usuarios do servizo de Emprego de FADEMGA e das asociacións federadas ASPRONAGA (A Coruña), ASPABER (Carballo), ASPAVI (Pazos de Borbén) e VALLE MIÑOR (Nigrán). Acadar estas competencias permitiríalles poder realizar cursos para parados promovidos pola Consellería de Traballo e Benestar.
 
Trátase xa da cuarta convocatoria deste tipo de probas, na que o Departamento de Emprego e Formación da federación facilita formación aos alumnos con discapacidade intelectual, co fin de que estes podan afrontar a proba coa preparación necesaria. Os alumnos examinados recibirán apoio de funcionarios da Xunta, en cooperación co persoal de FADEMGA FEAPS GALICIA.
 
Ditas probas tamén estiveron adaptadas para garantir a igualdade de oportunidades do noso colectivo, como por exemplo: letra máis grande, ampliación de tempo, instrucións por escrito, texto redactado en lectura sinxela e como novidade este ano, tamén se realizará o exame en formato electrónico para aquelas persoas con maiores problemas á hora de escribir.

:: A importancia das Competencias Clave
 
As Competencias Clave aseguran ós alumnos os coñecementos necesarios para facer cursos de formación obtendo Certificados de Profesionalidade, xa que para poder acceder a determinados certificados, deben ter acadadas as Competencias Clave ou a ESO. Estas competencias comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas do coñecemento, segundo as necesidades ou esixencias de cada certificado de profesionalidade das formacións para desempregados. Está previsto que nas vindeiras convocatorias, FADEMGA FEAPS GALICIA continúe coa súa colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar para a realización destas probas de xeito adaptado.