Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Un total de 442 persoas con discapacidade intelectual, prepáranse estes días para participar nas oposicións a Ordenanza convocadas polo Estado que terán lugar o sábado 9 de maio en Madrid.
 
Entre todas elas, 157 optarán ás prazas convocadas en Galicia, nas cidades de A Coruña, Ourense e Vigo, das cales 123 (o que representa un 78.34% do total) estiveron a recibir apoios da Área de Emprego e Formación de FADEMGA FEAPS GALICIA en materia de orientación, información, asesoramento, titorías, documentación……
 
A través destes apoios FADEMGA FEAPS GALICIA continúa coa súa aposta en firme polo emprego de calidade como factor clave para a integración sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual, prestando tódala información e axuda necesaria durante todo o proceso de preparación.
 
A Federación organizará o desprazamento e aloxamento de 85 aspirantes que sairán este venres cara a Madrid acompañados de 25 familiares e 6 técnicos que prestarán o seu apoio no proceso.
 
:: O emprego: factor clave para a integración das persoas con discapacidade intelectual
 
Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA FEAPS GALICIA defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores.
 
A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións da Federación Galega, polo que a reserva de prazas nesta nova convocatoria supón un paso especialmente relevante para a integración laboral do colectivo.
 
Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.