Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 A entidade de ASPANANE (Viveiro), acollerá durante o 2015 o “Programa de Envellecemento Activo de Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento” que cada ano pon en marcha a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (FADEMGA FEAPS GALICIA) nunha entidade galega, e que beneficiará a 20 usuarios da entidade (11 homes e 9 mulleres).
 
Profesionais da federación presentaron este programa de actividades na sede da entidade viveirense, un programa que se desenrola sempre de maneira complementaria ás actividades existentes nos servizos de atención directa que atenden a este colectivo e ás súas familias. Ata hoxe xa se beneficiaron deste programa 94 persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento e 96 familiares pertencentes a 7 entidades galegas (ASPAS de Santiago, ACEESCA de Porriño, ASPRONAGA de A Coruña, AMICOS de Ribeira, JUAN XXIII de Pontevedra, LAS ESPERANZA DE VALLE MIÑOR de Nigrán e ASPNAIS de Lugo).
 

:: Mellorando a calidade de vida dos maiores con discapacidade intelectual

O Programa de Envellecemento Activo de persoas con Discapacidade Intelectual márcase como obxectivo dotar ás entidades de ferramentas e recursos para dar resposta ás necesidades e demandas deste colectivo, do que forman parte un amplo e crecente número de persoas, así como mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e das súas familias, a través de diferentes tipos de actuacións (actividades de estimulación cognitiva, actividades de motricidade ou mobilidade, sesión de participación na comunidade a través do uso dos seus recursos, apoio e asesoramento ás familias etc.)

Para a realización do Programa, FADEMGA FEAPS GALICIA presta apoios puntuais a través da intervención dun profesional da Federación durante un ano) ás entidades, para que podan impulsar e implantar nos seus servizos a atención ás persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento. Tras este apoio puntual a Federación retirarase para que a entidade asuma as acción e intervencións do Programa como propias, dando respostas máis axeitadas ás persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.

O fin último desta iniciativa é visibilizar e asumir o envellecemento como unha realidade que afecta (ademáis da propia persoa con discapacidade intelectual) ás súas familias e ós profesionais que desenvolven a súa labor con este colectivo. A realización do programa é posible grazas ao apoio do Ministerio de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade (froito da contribución que fan os cidadáns cando marcan na súa declaración da renda o recadro de Fins Sociais).